Son moitas as actividades que se desenvolven na cidade orientadas ás persoas que están comezando na tecnoloxía ou a proporcionar ferramentas para un bo uso da mesma. Estas propostas están habitualmente pensadas para un público adulto, pero, na cidade, hai tamén formación tecnolóxica para a rapazada.
É o caso de BiblioTECH, un programa formado por unha serie de accións informativas, formativas e eminentemente prácticas que se desenvolven na biblioteca infantil e xuvenil Durán Loriga e que se centran no uso creativo, crítico e seguro das TIC.
A nova tempada de BiblioTECH ofrece varios obradoiros entre febreiro e abril para diferentes franxas de idade. Premendo no enlace accederedes a información completa:
- Realidade Aumentada nos contos. Para nenos e nenas de 4 a 7 anos
- Hologramas e experiencias coa luz. Para rapazada de 7 a 12 anos.
- Taller de Música Electrónica: Hackeando Música. De 8 a 14 anos.
- TECH4girls. Obradoiro especial para nenas de 9 a 14 anos centrado en programación e robótica con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC.
Tedes máis información na web das bibliotecas municipais, así como na axenda da nosa web.