Este mes de outubro retomouse Distopías Cotiás, o ciclo impulsado dende a Rede Municipal de Bibliotecas e Coruña Dixital coa implicación do Centro Ágora.
O protagonista desta primeira cita foi Víctor Sampedro, profesor de Comunicación Política e Opinión Pública, con quen conversamos arredor das iniciativas de alfabetización tecnolóxica que desenvolve despois de publicar “Dietética digital para adelgazar al Gran Hermano” (Icaria, 2018), un libro que se liberou e actualizou con recursos, manuais de iniciativas similares e unha guía didáctica que podes atopar na súa web.
Neste tempo, realizáronse en torno a esta iniciativa máis de 60 eventos divulgativos e formativos, nacionais e internacionais; entre eles, varios programas de formación en cidadanía dixital para profesores de secundaria, como o celebrado a finais de 2019 no Centro Galego das Artes da Imaxe da Coruña.
Da súa man achegámonos ao camiño cara unha cidadanía dixital máis consciente, crítica e activa en directo a través da nosa canle de YouTube, como temos feito nas anteriores citas de Distopías Cotiás. Se non puideches asistir en directo, non te preocupes! Aquí tes o vídeo da sesión:
Como seguir o fío Distopías Cotiás?
Para estar ao tanto de vindeiras convocatorias, podes sumarte ao Meetup de Distopías Cotiás. Ademais, dende Coruña Dixital trasladaremos a información de cada convocatoria na nosa web e redes.
Unha vez celebrada, cada sesión quedará ao teu dispor na nosa canle de Youtube, no que poderás ver tamén as sesións que celebramos anteriormente, así como outros contidos relacionados coa cultura dixital.