O ciclo Distopías Cotiás, que impulsan a Rede Municipal de Bibliotecas e Coruña Dixital coa implicación do Centro Ágora, retoma a súa actividade trala pausa do verán cunha serie de encontros en liña arredor do impacto da tecnoloxía nas nosas vidas.
Os encontros, que novamente teñen carácter mensual, serán en liña e respectarán a estrutura habitual: unha pequena charla introdutoria e un tempo de posta en común, debate e preguntas aberto a todas as asistentes.
Este mes de outubro, Distopías Cotiás achegouse ao camiño cara unha cidadanía dixital máis consciente, crítica e activa da man de Víctor Sampedro, profesor de Comunicación Política e Opinión Pública, con quen conversamos arredor das iniciativas de alfabetización tecnolóxica que desenvolve despois de publicar “Dietética digital para adelgazar al Gran Hermano” (Icaria, 2018), un libro que se liberou e actualizou con recursos, manuais de iniciativas similares e unha guía didáctica que podedes atopar na súa web.
Neste tempo, realizáronse en torno a esta iniciativa máis de 60 eventos divulgativos e formativos, nacionais e internacionais; entre eles, varios programas de formación en cidadanía dixital para profesores de secundaria, como o celebrado a finais de 2019 no Centro Galego das Artes da Imaxe da Coruña.
A sesión de Dietética Digital no noso programa celebrouse en paralelo a outra iniciativa impulsada xunto a asociación valenciá Cidadanía e Comunicación. Unha serie de obradoiros en liña baixo o título “Persoas consumidoras versus cidadanía dixital”, dirixidos a educadores e formadores e do que podes atopar máis información aquí.
Se non puideches asistir en directo, non te preocupes! Aquí tes o vídeo da sesión:
Como seguir o fío Distopías Cotiás?
Para estar ao tanto de vindeiras convocatorias, podes sumarte ao Meetup de Distopías Cotiás. Ademais, dende Coruña Dixital trasladaremos a información de cada convocatoria na nosa web e redes.
Unha vez celebrada, cada sesión quedará ao teu dispor na nosa canle de Youtube, á que, por certo, te podes subscribir 😉
Aí poderás ver tamén as sesións de Distopías Cotiás que celebramos anteriormente, así como outros contidos que poden ser do teu interese.