O pasado 14 de marzo a nosa vida deu un xiro radical. Á preocupación de miles de persoas e as súas familias pola súa saúde sumouse o feito de ter que adaptar dinámicas vitais e laborais á corentena. Nese cambio radical xurdiron todo tipo de necesidades, ademais das sanitarias: sociais, educativas, culturais e de lecer, tecnolóxicas,…

Na cidade, o Concello puxo en marcha diferentes iniciativas para tratar de abordar e paliar na medida do posible algunhas delas, comenzando por un sitio web específico no que ofrecer información puntual e veraz sobre a pandemia a nivel municipal e a activación dun plan de voluntariado para coordinar a axuda á veciñanza en situación máis vulnerable. Dende ese momento, nas redes sociais da institución (Facebook e Twitter) tes información puntual das propostas de todas as concellerías, que tamén difunden as súas actividades e medidas dende as súas canles específicas.

No que respecta ás actividades municipais do ámbito cultural e educativo, estas son difundidas con carácter xeral desde as redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) da Concellería. Aquí tes unha pequena escolma de propostas da Área de Educación e Cultura na súa meirande parte que se desenvolven da man da tecnoloxía para este tempo no que #quedamosnacasa:

 

Bibliotecas Municipais da Coruña

Museos Científicos

  • Nas súas redes difunden información científica. Relacionada co Covid-19 e con outros moitos temas de interese, orientados a público de todas as idades, de perfil informativo pero tamén ofrecendo a posibilidade de experimentar na casa. Podes seguilos en Facebook, Twitter e Instagram.

Artes escénicas, musicais e espazos expositivos

  • A través do cancelo #CorunaEnCasa, as redes sociais do departamento municipal de Educación e Cultura difunden as actividades e propostas dos teatros Colón e Rosalía de Castro, da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal e varios espazos expositivos, como a rede de Museos Históricos da cidade.

Normalización Lingüística

  • Este servizo municipal está a facer unha intensa labor de difusión de actividades culturais, lúdicas e formativas en galego para todos os públicos a través das súas redes sociais. Pódelos atopar en Facebook, Twitter e Instagram.

Centros Cívicos 

  • Os espazos socioculturais crearon a canle de Youtube Coruña Acompaña (á que podes acceder desde aquí) na que os monitores das distintas actividades (deportes e obradoiros variados) ofrecen actividades guiadas a través de vídeos feitos nas súas casas.

Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX)

  • Dende o CMIX  traballan na difusión de propostas de interese xeral (educativas, laborais, culturais,…) e traballan no desenvolvemento de programas municipais específicos para estes días, como o de apoio ao estudantado sen recursos dixitais Ninguén Atrás.

 

Ademais, dende outras entidades e áreas municipais, ofrécense actividades culturais, educativas e de lecer, como por exemplo as visitas guiadas virtuais. Algunhas, como esta proposta da Federación Provincial das ANPA, orientada á rapazada, e outras, coma estas de Turismo da Coruña, dirixidas a un público xeral. Ou o traballo desenvolto por Torre de Hércules, con visitas guiadas virtuais para público xeral pero tamén para a cativada nas que acadaron un notable éxito.

 

A lista de propostas para estes días, alimentada tamén por iniciativas cidadás e de colectivos socioculturais e vinculados á tecnoloxía, non para de medrar! Por iso é posible que neste resumo botes algo en falta. Empregando as etiquetas #QuedamosNaCasa, #CorunaEnCasa ou #ACulturaSegue poderás acceder a moitas delas. 😉

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar