Nova sesión de Distopías Cotiás, o ciclo de encontros mensuais que, xunto coa Rede Municipal de Bibliotecas, impulsamos para reflexionar sobre o impacto das tecnoloxías nas nosas vidas.
Nesta ocasión propoñemos unha conversa aberta sobre a “Carta de Derechos Digitales”, elaborada por un conxunto de expert*s por iniciativa da “Subdirección General para la Sociedad Digital” do Goberno de España, actualmente en fase de consulta pública.
As consecuencias do capitalismo da vixilancia alcanzan ao poder democrático dos estados e as liberdades e dereitos dos individuos. E falando do espírito de defender a nosa sociedade, atópase agora esta Carta de Dereitos Dixitais.
Para achegarnos a este tema mudamos un pouco o formato habitual, cunha conversa coa xente de Trackula: Sofía Prosper, Santiago Saavedra e Pablo Castro quen, xunto a outras voces, están a preparar unha resposta á consulta pública da Carta. Falaremos con el*s da súa forma e contido e abordaremos suxestións e críticas construtivas.
Aproveitaremos tamén para mencionar os esforzos que se están a realizar por parte de Europa, como o paquete de medidas para os servizos dixitais (Digital Services Act), e, en xeral, sobre como minimizar os riscos que as redes sociais e as grandes plataformas entrañan na nosa sociedade ao mesmo tempo que se pretende maximizar o seu valor.
Esta nova cita de Distopías Cotiás terá lugar o vindeiro xoves 10 de decembro (19:00) e poderédela seguir en directo a través da nosa canle de YouTube. Coma sempre, estará aberta a preguntas, ideas e suxestións que vos apeteza compartir.
No Meetup, ao que podedes acceder dende aquí, tedes información ampliada e o enlace á sesión. Agardámosvos! 😉