A novena edición da Feira de Tecnoloxía Aberta da Coruña celebrarase o sábado 7 de novembro nun espazo distinto ao tradicional da Domus. A asociación Bricolabs, impulsora desta cita que é xa un referente do outono na cidade, decidiu nesta ocasión apostar por un formato en liña no que o alicerce fundamental son os makers. Nesta convocatoria participan preto de 25 proxectos, algúns deles procedentes doutros países, como podes ver xa na súa web.

A OSHWDem é unha feira demostrativa de tecnoloxías abertas que promove a cultura libre como método de desenvolvemento persoal e social. Habitualmente ten dúas partes claramente diferenciadas: a exposición de proxectos e as competicións. Pero este ano, a causa das circunstancias sanitarias, as competicións non poderán celebrarse.

O programa completo, que inclúe varias charlas tecnolóxicas, está xa dispoñible na súa web.

 

Como visitar este ano a OSHWDem?

Nesta novena edición a organización cambia, por mor da covid, a Domus pola súa canle de YouTube. A través dela (podes acceder dende aquí) poderás seguir o sábado todas as actividades programadas e participar nelas. Tamén as redes sociais, como Instagram ou Twitter, están a ser unha boa canle para seguir as novidades desta feira tecnolóxica.

Dende Coruña Dixital apoiamos e recomendamos esta cita referente do mundo maker, que conta coa colaboración do Concello da Coruña a través dos Museos Científicos. Para gozar dela só é necesario ter ganas de aprender e divertirse, porque a OSHWDem é aberta, gratuíta e para público de todas as idades.

Como mostra, aquí tes o vídeo-resumo da pasada edición! 😉

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar