
O #LAIC acollerá o vindeiro mes de febreiro un laboratorio de innovación narrativa para ciberactivistas da man de Ciberespect, o programa da oenegué Ecos do Sur, dirixido a combatir o discurso de odio (xenófobo, racista, islamófobo, misóxino, aporofóbico, etc,…) en Internet.
Un discurso no que as redes sociais adoitan asumir un dobre papel: por unha banda, son a súa principal canle de difusión pero, por outra, poden ser a ferramenta para desactivalo. A cuestión é como aproveitar as potencialidades do entorno dixital para evitar que este discurso excluínte, e mesmo agresivo, se apropie dos espazos dixitais.
Neste laboratorio, que se desenvolverá os martes 04, 11 e 18 de febreiro no centro Ágora, abordarase esta cuestión desde unha perspectiva conceptual con desenvolvementos prácticos, nos que as participantes construirán colectivamente novos relatos e deseñarán accións concretas para a comunicación de causas sociais en base a este programa:
Redes sociais, desinformación e ciberactivismo
- Tecnoloxía da persuasión: uso de Redes Sociais, vixiancia e manipulación.
- Hate Speech: responsables, mecanismos e efectos.
- Estratexias contra o ciberodio e os rumores: acción individual e colectiva.
- Detección de fakes en RRSS. Introdución ao fact checking e difusión de contra-bulos.
- Casos prácticos.
Innovación narrativa
- Narrativas discriminatorias: que son e que efectos teñen
- Como impulsar a transformación social a través de narrativas innovadoras
- Teoría de marcos mentais e storytelling
- Estratexias de comunicación dixital aplicadas á difusión de narrativas.
- Xeración de accións colaborativas
Maduración de propostas
- Formatos innovadores: gamificación, storydoing, marketing de guerrilla
O laboratorio de Ciberespect inclúe ademais unha aula virtual para o acompañamento online do alumnado nas intervencións de ciberactivismo que desenvolva. Esta actividade, que pode ser de especial interese para persoas relacionadas co ámbito da comunicación e das entidades sociais, ten prazas limitadas. Podédesvos inscribir neste enlace.
Tamén da man de Ciberespect, e tamén no centro Ágora (neste caso na súa biblioteca, o 29 de xaneiro ás 16:00) se desenvolverá un obradoiro que leva por título Que non che mintan!, unha proposta formativa orientada a axudar ás persoas a distinguir de maneira eficaz e información fiable da que non o é e, por tanto, a mellorar o acceso á información en Internet.
Ademais, a oenegué vén de publicar unha Guía de Intervención Online para Ciberactivistas que podedes descargar aquí de maneira gratuíta.