Co ano 2017 rematou a segunda temporada da programación de Coruña Dixital, que dende maio a novembro deu continuidade á misión iniciada en 2016 de dinamizar e facilitar a expansión das distintas prácticas de cultura dixital que se dan na cidade. Este ano púxose o foco na creación audiovisual coa posta en marcha do LAIC: Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación. O seu obxectivo, potenciar o talento e expandir o coñecemento e as oportunidades para esta comunidade profesional e creativa aproveitando as posibilidades de internet, tanto no uso de novas linguaxes narrativas como na distribución e promoción a través de novas canles.

Aínda que as actividades do LAIC supuxeron a maior parte da programación, Coruña Dixital mantivo o seu labor de dar visibilidade e apoio a comunidades e prácticas dixitais na cidade, fundamentalmente de dous xeitos: 1) Facilitando o desenvolvemento de actividades de distintos colectivos e iniciativas, conectándoas con espazos e públicos da cidade. 2) Destacando a actualidade da cultura dixital na cidade a través da web e das redes de Coruña Dixital (Facebook e Twitter).

Estas foron as principais actividades que desenvolveu o LAIC:

.

Presentación na Casa dos Peixes

O 16 de xuño realizouse un acto cos medios de comunicación e con representantes de distintas entidades e colectivos que traballan no audiovisual na Coruña. Entre os asistentes estiveron os colectivos Videolume e Bricolabs, o presidente do CLAG, o decano da Facultade de Comunicación da UDC, o director do festival Mundos Digitales, e unha representación de creadoras e creadores da cidade.

O encontro tivo lugar pola mañá no Aquarium Finisterrae, e durante o seu transcurso produciuse unha performance dixital a cargo de Esferobite: a creación dun GIFxel, o logotipo de Coruña Dixital animado con píxeles humanos, no que participaron os asistentes a esta presentación.

Encontros coas Comunidades

Días despois realizouse unha convocatoria aberta para todas aquelas persoas interesadas na creatividade audiovisual e os novos medios, para coñecer as súas experiencias, recoller as súas demandas e suxestións e presentar as liñas de traballo do LAIC. A esta xuntanza, que se celebrou o 26 de xuño no viveiro de empresas Accede Papagaio, acudiron máis de 50 persoas de diversos perfís: youtubers, cineastas, expertos en social media, marketing, arquivos, etc.

No segundo Encontro coas comunidades, o 13 de setembro, presentouse de xeito oficial a programación do LAIC, nunha xuntanza coa comunidade en torno á innovación audiovisual na que estivo presente o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, coa asistencia de 40 persoas. Neste encontro presentouse a imaxe de marca propia do LAIC, e comezouse a difundir o cartel e mais o folleto coa programación por toda a cidade e polas redes sociais.

Programación LAIC

A programación do #LAIC desenvolveuse de xeito intensivo durante os meses de outubro e novembro en ditintos espazos da cidade. Na sección de novas desta web podedes ver a crónica de cada unha das actividades:

 

.

Actividades facilitadas por Coruña Dixital

Fóra da programación do LAIC, Coruña Dixital estivo presente na organización de distintas actividades impulsadas por outras iniciativas na cidade, facilitando espazos ou apoiando en tarefas de produción e comunicación. Aquí algúns exemplos:

Ademais, Coruña Dixital colaborou con outras actividades como o LabComSeaSons, un laboratorio de comunicación multimedia para o festival Sea Sons, que xurdiu do colectivo Videolume (creado no obradoiro de vídeo participativo “Outras Coruñas” de Coruña Dixital 2016), a partir da súa participación no Noroeste Videocamp. E viaxamos ata Pontevedra para participar na segunda edición do TEK-FEST, Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio, nunha mesa redonda sobre culturas de vangarda en Galicia, xunto con outras iniciativas e festivais como SinSal, WOS ou Carballo Interplay.

.

Kit de activación dixital

Outra das actividades que se puxo en marcha este pasado ano desde Coruña Dixital foi o desenvolvemento do Kit de activación dixital, que se define como un punto de encontro e guía profesional web para poñer en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación e a innovación audiovisual, especialmente nas aulas de centros educativos e nos espazos socioculturais de proximidade.

A elaboración deste kit activouse no marco do LABORATORIO Coruña Dixital: educomunicación e activismo audiovisual para profesionais de centros educativos e socioculturais de proximidade. Un proceso de traballo colaborativo que estivo conducido por un equipo de profesionais con ampla experiencia na temática e que tiñan xa colaborado ou participado no programa Coruña Dixital, en accións conectadas co tecido da cidade. Entre eles, Roi Guitián e María Lobo de Gingko ou Cristina de la Torre (La Mujer Forzuda), co apoio do equipo propio de Coruña Dixital.

O 28 de novembro celebrouse unha xornada de traballo presencial onde se puxo en común o esquelete básico da guía (denominación, esquema de contidos, formato, webgrafía e referencias, etc.), reuníronse e pre-producíronse os contidos dixitais esenciais.

En decembro abriuse a fase de achegas, na que se convidou a colectivos e entidades referentes a remitir novos contidos que alimentasen apartados concretos da guía, ademais de achegar referencias a través dun formulario en liña.

En febreiro farase a presentación pública deste proxecto e da web na que se poderán atopar os materiais desta guía.

.

Agradecementos

O equipo de Coruña Dixital quere agradecerlles a todas as persoas que se achegaron ás distintas actividades a súa participación activa, e o que fomos aprendendo de todas elas, confirmando a intuición de que hai un grande tecido de xente creando interesada de forma colectiva ou individual, profesional ou amadora, experimental ou comercial, contidos audiovisuais que tratan de innovar e de atopar o seu espazo na rede.

Tamén lle damos as grazas ao persoal dos distintos espazos nos que desenvolveron as actividades: Accede Papagaio, Centro Cívico da Cidade Vella, Centro Ágora, Quiosco Alfonso, Paraninfo e Aula Náutica da UDC.

E a todas as persoas, colectivos, entidades e medios de comunicación que colaboraron e axudaron na difusión das nosas actividades.

 

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar