O Laboratorio de desenvolvemento de videoxogos que celebramos o pasado venres no Centro Cívico da Cidade Vella foi unha das actividades con maior acollida das celebradas este outono no LAIC. Máis de 20 persoas de distintos perfís (programadoras, deseñadores, profesores, guionistas e gamers de todo tipo) xuntáronse para participar neste laboratorio facilitado pola asociación Monkey Laboratory (MOLAB), creada por estudantes das facultades de Comunicación Audiovisual e de Informática da UDC para dar saída a súa paixón pola creación de videoxogos.
A sesión comezou con Aida, Mapache, Andrea e Abraham de MOLAB facendo unha introdución aos videoxogos e os distintos xéneros, tipoloxías e formas de narrar e deseñar unha historia interactiva, ademais dos diferentes lugares que poden ocupar na industria, desde a triple A (a de aqueles xogos feitos polas grandes empresas, con orzamentos millonarios) ata os feitos no ámbito independente. Nesta tesitura puxeron os de MOLAB os participantes cando lles presentaron o exercicio que tiñan que facer: tiñan que xuntarse en equipos de 4-5 persoas para crear o seu estudio indie e desenvolver o concepto dun videoxogo coas seguintes características:
- Scroll de plataformas
- 1 protagonista (humanoide ou non)
- Mínimo 3 clases de inimigos
- Estilo libre de arte
- 2D o 3D
Así, fixéronse 5 equipos e puxéronse mans á obra. Logo de máis de 2 horas de traballo, presentaron ao resto do grupo os resultados. O primeiro deles foi “Casimira Ataca”, de Sintrom Studios, a aventura gráfica dunha avoa para poder chegar ao doutor e coller as pastillas que precisa. A continuación o estudio M’LOOP presentou un xogo no que o “Señor Pala” terá que loitar contra as toupas furiosas para arranxar a súa tuneladora. Despois 5XEN Studio presentou “Neboada”, unha aventura gráfica de combate protagonizada por un garda forestal nos montes do Cebreiro, e Estudio Palleiro amosou o seu xogo protagonizado por cans. Finalmente Estudio No presentou “Invader Space”, un casual game ao estilo do Space Invader no que se invirten as tornas.
Destacou moito a alta calidade dos cinco conceptos de videoxogo, feitos de cero nun par de horas, e quedaron ganas de seguilos desenvolvendo, polo menos ata facer un prototipo funcional. De todos xeitos este foi un inicio, que demostrou todo o que se pode facer pensando xuntos en pouco tempo, e que dá unha idea do que se pode facer con tempo, recursos e máis formación. A creatividade xa a temos.