Que son as licenzas Creative Commons e como aplicalas, tanto para o uso de contidos de terceiros como para publicar contidos propios, especialmente no que respecta a audio e vídeo, foi o tema da charla impartida por Jorge Lama na primeira cita da programación de outono do #LAIC o pasado 5 de outubro.
A esta primeira charla, que se desenvolveu no viveiro de empresas Accede Papagaio, asistiron máis de 20 persoas, moitas delas procedentes do ámbito da creación e da xestión de produtos culturais como música, cinema, vídeo ou podcast. Puideron preguntarlle de primeira man todas as dúbidas sobre o uso destas licenzas, que permiten ceder unha parte dos dereitos de propiedade intelectual dando permiso a priori para a súa reprodución ou creación de obra derivada, sendo o autor quen decide que usos quere facilitar e cales non.
As Creative Commons preséntase así como a alternativa legal máis fiable aos sistemas estándar de regulación da propiedade intelectual, que tenden a que por defecto estean todos os dereitos reservados e non se poida facer nada sen o premiso explícito do seu propietario. Con estas licenzas, que son flexibles e universais, e tamén adaptables aos contextos de cada país, podemos contribuír a que creza o procomún de materiais culturais de uso libre, e as nosas obras cheguen a moita máis xente.
A programación do #LAIC continúa o vindeiro 19 de outubro co seminario “Como profesionalizar a túa canle de Youtube”, tamén no Accede Papagaio.
Aquí tedes a presentación que usou Jorge Lama na súa charla: