A chegada de Lance Weiler á Coruña estivo marcada polo anuncio, aínda non oficial, de que o proxecto que viña presentar e compartir cos participantes do taller “Frankenstein e a intelixencia artificial”, será estreado na vindeira edición do Sundance Film Festival, que se celebrará en xaneiro de 2018, dentro da sección New Frontier, dedicada a novas narrativas dixitais e transmedia.

O taller formou parte de Frankenstein AI, o experimento de narración colectiva que o Columbia Digital Storytelling Lab, que dirixe Lance Weiler, está a levar a cabo a partir da novela “Frankenstein ou o moderno Prometeo”, que cumprirá 200 anos no vindeiro 2018. Durante a sesión os participantes compartiron as súas emocións, recordos, medios e esperanzas suxerindo frases e preguntas a partir das cales Weiler, usando un algoritmo, creará unha nova versión da obra de Mary Shelley baseada na intelixencia artificial, combinando as achegas de todos os participantes dos laboratorios se están a facer por todo o mundo. O da Coruña é o sexto destes obradoiros, que se iniciaron a comezos de ano no festival South By SouthWest de Austin, Texas. Deste xeito, as persoas que participaron formarán parte da autoría colectiva da obra Frankenstein AI, que se seguirá desenvolvendo en 2018 e será presentada en diversos festivais como o de Sundance ou o Fringe de Edimburgo.

O obradoiro realizouse na Aula Náutica da Universidade da Coruña e con el púxose fin á programación de outono do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), que impulsa a Concellaría de Culturas, Deporte e Coñecemento no marco do programa Coruña Dixital. Durante dous meses diversas actividades relacionadas coa innovación audiovisual foron sucedendo en diversos espazos da cidade, explorando novos medios como Youtube, a Realidade Aumentada, os videoxogos, os memes e gifs animados, ou as narrativas participativas.

Lance Weiler é fundador e dirixe desde o 2013 o Digital Storytelling Lab na Universidade de Columbia. Pola súa traxectoria, constitúe unha das principais referencias internacionais no ámbito do cinema dixital e da innovación en formas do relato con mediacións tecnolóxicas ligadas a Internet e procedementos dixitais e colaborativos. Foi un dos artífices de The Last Broadcast en 1998, o primeiro filme retransmitido de forma dixital. No 2005 dirixiu Head Trauma, estreado en Los Angeles Film Festival o ano seguinte. Ao longo da súa carreira cinematográfica ten colaborado directores como Kathryn Bigelow, David Cronenberg ou Gore Verbinski. Destaca tamén na súa traxectoria o labor como consultor e asesor en distintas iniciativas entidades como o Sundance Institute, o Tribeca Film Institute, PBS, Power to the Pixel, Screen Australia, o Festival de Cinema de Berlín, o National Film Board de Canada e o National Endowment for the Humanities de Estados Unidos.

 

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar