Cámaras, música… acción! Este ano o Festival Noroeste Estrella Galicia tivo máis ollos e orellas que nunca, e entre elas as dos participantes no #NoroesteVideocamp amplificadas por cámaras reflex, móbiles, micrófonos e o material que tiñan a man. Coa idea de convivir creativamente e vivir o festival doutra maneira, Coruña Dixital e o Noroeste colaboraron para pór en marcha a primeira edición deste pequeno campamento urbano audiovisual, cunha excelente acollida.
Estrella, Javi, Simón, Mary, Alfredo, Inés, Jorge, Nerea, Águeda, Begoña, Germán, Luis, o outro Luis, Helena, Iria, Pulpiño, Álex, Leyre e Silvia a penas se coñecían cando chegaron á primeira sesión do Videocamp o 4 de agosto no Centro Cívico da Cidade Vella. Alí os recibiron Belén Montero e Juan Lesta de Esferobite, os encargados de impartir o obradoiro no que aprenderían as bases de guión, planificación, gravación e edición para facer pezas audiovisuais. Tras a primeira treboada de ideas empezaron a organizarse catro equipos para traballar nelas. E cunha sesión máis xa tiña cada grupo esbozado o guión no que quería traballar e preparábase para saír a rúa coas cámaras. O 8 de agosto comezaba xa o Festival Noroeste e non había tempo que perder.
Houbo quen optou pola ficción, outros pola reportaxe, outros por usar un concepto que ofrecese unha mirada distinta sobre o festival. Coa súa acreditación os participantes puideron chegar ata os escenarios, coñecer os artistas, gravar dende lugares insospeitados ou mesmo intervir en plena emisión da radio en directo. Logo viría a edición, poñer en orde todas as imaxes recollidas e darlle un acabado interesante para contar a súa particular visión do Festival Noroeste.
O resultado puidemos velo en primicia o pasado xoves 24 nunha proxección especial e fin de festa. E agora podedes ver vós todos os vídeos subidos á rede, que para iso estaban feitos. Velaquí as pezas. Parabéns a todos os equipos, estupendo traballo!
E aquí tedes o vídeo de resumo que fixemos, coa colaboración de Gutier Rolán á edición:
Moitas grazas á organización do Festival Noroeste Estrella Galicia, ao Centro Cívico da Cidade Vella, ao bar A Chencha, aos artistas e persoas que colaboraron e a todos os participantes. Foi unha gran experiencia audiovisual, musical, cidadá e humana. Ata o próximo videocamp!