O Kit de Activación Dixital afronta unha nova etapa coa elaboración da guía metodolóxica definitiva, tras un proceso de recollida de achegas que se prolongou  ao longo do mes de febreiro, tras activarse o Kit e presentarse ao público o pasado día 3. Nestas últimas semanas, recibíronse varias experiencias relacionadas co audiovisual e as narrativas dixitais como ferramentas de traballo ou aprendizaxe, no contexto da educación ou da transformación social. Con elas, elaborarase un documento, que será tamén descargable en PDF, e que será a guía metodolóxica final, á que poderán acceder todos os usuarios do Kit.

Está previsto que esta guía, xa completa, se incorpore á web en vindeiras datas. Ademais, as persoas que, a partir de agora, desexen compartir un proxecto, así como trasladar ideas, suxestións ou dúbidas, poderano seguir facendo, xa que o formulario online, que até o de agora se podía atopar no apartado de Achegas, manterase operativo nese mesmo espazo.

 

Pero… que é o Kit?

O Kit de Activación Dixital é unha guía, pero tamén un punto de encontro entre persoas que fan e persoas que queren facer. Serve para poñer en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos. En definitiva, para todas esas profesionais, activistas ou persoas implicadas que, nalgunha ocasión, pensaron en facer “algo” en formato dixital para involucrar a terceiros, divulgar coñecementos ou explorar posibilidades, e ao momento desbotaron a idea por irrealizable coas súas posibilidades.

Na práctica, o primeiro que temos que facer é entrar no espazo web, onde atoparemos as explicacións pertinentes e detalladas sobre o Kit, así como a súa filosofía de conectar (aos usuarios con iniciativas e profesionais que as desenvolven), inspirar (en base a experiencias xa realizadas) e activar (ao novo usuario cunha guía metodolóxica para desenvolver o seu propio proxecto). Esta última parte, a da guía metodolóxica, é na que actualmente se está a traballar. O que si sabemos con certeza é cal será o seu esquema: Defíneo – Dótao- Faino – Cóntao. 

 

Os profesionais que conflúen no Kit

O Kit de Activación Dixital é unha iniciativa do programa Coruña Dixital que se desenvolve baixo a coordinación de Sergio Lago co traballo de Roi Guitián e María Lado, Gingko, e Cristina de la Torre, La Mujer Forzuda. Con eles definiuse cal sería a estrutura do Kit que hoxe coñecemos, fíxose o prototipo web e abriuse o proceso a unha primeira fase de achegas de profesionais que foi a que acabou por completalo.

No Kit, ademais de coñecer os proxectos que centros escolares, asociacións ou colectivos veciñais levaron a cabo empregando os formatos dixital e audiovisual, podemos acceder á metodoloxía e ideas que os sustentaron, pero tamén ás persoas, profesionais destes ámbitos, que os realizaron. A meirande parte participou na presentación ao público do Kit, o pasado 3 de febreiro, explicando precisamente algunhas das iniciativas que desenvolven. Así puidemos coñecer de primeira man o traballo, non só de Gingko e La Mujer Forzuda, senón tamén de Videodinamizarte, Airoá e Olloboi.

Nesa presentación, por certo, ocurriu algo que ten moito que ver coa filosofía do Kit e dos procesos participativos, e é que o público que asistiu puido coñecer a estes profesionais e falar con eles dos seus proxectos, dúbidas e ideas, comezando, fóra da Rede, a fase de achegas que vén de rematar e, o que é aínda máis importante: fixeron realidade a vocación de punto de encontro deste novo espazo dixital.

 

 

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar