A programación dos GPUL Labs, as actividades de formación e ‘cacharreo’ que organiza o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, está a ser todo un éxito de convocatoria na súa segunda edición, que se celebra na Coruña e en Santiago de Compostela con charlas e obradoiros propostos pola propia comunidade de persoas usuarias. Na nosa cidade as actividades dos Labs comezaron o pasado xoves 20 e seguirán con dúas charlas máis no mes de maio, en colaboración con Coruña Dixital.

O programa Coruña Dixital facilitou que esta activa asociación de software libre, vinculada á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, poida dispoñer do espazo Accede Papagaio, dependente da área de Emprego e Economía Social, para parte das sesións de primavera de 2017. Desta maneira as actividades de maior perfil profesional dos GPUL Labs poden ter lugar no centro da cidade, neste espazo municipal de innovación e emprendemento, para achegar o coñecemento sobre software libre ao novo tecido empresarial da Coruña.

O pasado xoves celebrouse a primeira destas charlas, que deu Carlos Sánchez, enxeñeiro de software en Cloudbees, membro da Apache Foundation e poñente en múltiples eventos internacionais, baixo o título Escalando Jenkins con Docker: Swarm, Kubernetes ou Mesos, cunha asistencia de máis de 30 persoas. A vindeira cita é o 4 de maio coa charla de Óscar Miguel, CTO de Diariomotor, que compartirá a súa experiencia manexando unha publicación en WordPress de alto tráfico (6 millóns de páxinas vistas), e a evolución das súas distintas funcionalidades tras 12 anos de vida da páxina.  O 18 de maio será a última destas charlas que terán lugar no Papagaio, coa charla Post-introducción a React, na que David Barral e Cecilia García, de Trabe Soluciones, falarán das APIs menos coñecidas de React, algo de boas prácticas e as leccións que aprenderon tras 2 anos de aventuras usando React en proxectos reais.

Todas as charlas que se celebren no Papagaio darán comezo ás 18:30h. O público interesado pode ver máis detalles e apuntarse nos Meetups dos GPUL Labs.

Outra parte do programa destes Labs estase a realizar na Facultade de Informática da UDC, e tamén en Santiago de Compostela, coa colaboración da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC. Dentro do programa xeral, estas son as actividades programadas para as vindeiras semanas, ás que se poden incorporar novas citas que poden ser propostas por persoas interesadas nun tema específico:

  • 20 de abril (Viveiro de empresas Accede Papagaio, A Coruña): Escalando Jenkins con Docker: Swarm, Kubernetes ou Mesos
  • 26 de abril: (ETSE-USC): Intro a JS e React
  • 27 de abril (Facultade de Informática – UDC): Introdución a Elixir
  • 4 de maio (Papagaio): WordPress de alto tráfico
  • 11 de maio (Facultade de Informática – UDC): Software Libre, concursos e TFG, Que me achegan?
  • 18 de maio (Papagaio): Post-introdución a React
  • Data por definir (Santiago de Compostela): Introdución a Raspberry Pi

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar