
Un dos aspectos positivos das novas tecnoloxías é a posibilidade de facer accesibles coñecemento e novas fórmulas de ocio e socialización a todo o mundo. O requisito é manexar ferramentas como teléfonos intelixentes, tabletas ou ordenadores e, por suposto, moverse pola Rede.
Para moitas persoas isto é sinxelo, pero para outras, habitualmente de maior idade, non o é tanto. Por iso, o Concello da Coruña, a través da Concellería de Servizos Sociais, pon en marcha dentro do seu programa de envellecemento activo, varios obradoiros para maiores de 55 anos de iniciación na tecnoloxía máis cotián.
Son estes:
- Manexo de smartphones, tabletas e redes sociais, no centro cívico Os Rosales (os venres, do 27 de setembro ao 25 de outubro)
- Manexo de smartphones, tabletas e Internet, no centro cívico Labañou (os mércores do 2 ao 30 de outubro)
- Manexo de teléfonos intelixentes, tabletas gráficas e iniciación a Internet, no centro cívico Palavea (os venres, de 4 de outubro ao 8 de novembro)
Para participar nestes obradoiros municipais hai que inscribirse presencialmente nos correspondentes centros cívicos os días 16, 17 ou 18 de setembro. No caso dos talleres que se desenvolven nos centros cívicos Rosales e Labañou haberá un sorteo entre os solicitantes de praza e a lista de persoas admitidas darase a coñecer o día 20 de setembro.
Obradoiro específico para a mocidade
Pero non só os maiores de 55 anos teñen que aprender no ámbito dixital. Por iso, dentro da oferta de servizos que o Concello ofrece á veciñanza no eido da alfabetización tecnolóxica, está tamén o obradoiro para moz@s de entre 16 e 20 anos Ante as novas tecnoloxías, protéxete!.
Este taller celebrarase o vindeiro 8 de outubro no centro cívico do Castrillón, onde as persoas interesadas deberán inscribirse entre o 16 e 0 20 de setembro.
Das propostas formativas para mocidade e maiores tedes completa información na nosa axenda, á que podedes acceder desde aquí.