Ata o 27 de setembro os centros educativos galegos de Secundaria e Formación Profesional que o desexen poden inscribirse no programa Cidadanía Dixital, dirixido polo investigador Víctor Sampedro, autor do manual Dietética Dixital.
O obxectivo desta proposta é fomentar a educación mediática e dixital da comunidade educativa, en base a unha formación estruturada en cinco sesións formativas, que se desenvolverán entre outubro e decembro de maneira presencial no CGAI (A Coruña).
As aulas, que estarán conducidas polo propio Víctor Sampedro, baséanse en dinámicas grupais e no traballo sobre contidos audiovisuais que as persoas que participen poderán ver previamente. Estas dinámicas, a súa vez, estarán orientadas e pensadas para ser despois reproducidas nas aulas, xa que o obxectivo final é que sexa o alumnado quen tome conciencia do seu papel activo ante a tecnoloxía.
Cidadanía Dixital é un dos tres programas formativos que o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) coordina dentro do Plan Proxecta, xunto con Cinema en Curso e Fotografía en Curso.
Tedes máis información sobre o programa, e o receitario de cidadanía dixital que propón, aquí, onde ademais podedes consultar os requisitos para participar.