O Concello da Coruña pon en marcha A Coruña Educa, unha ampla oferta de propostas para a comunidade educativa que promove a Concellería de Educación e Cultura en colaboración con outras áreas municipais e entidades e no que tamén teñen cabida as competencias dixitais.
Neste ámbito, podemos destacar estes cursos, nos que se poden anotar os centros interesados ata o vindeiro 4 de outubro:
- O imperio da nube e o avatar oculto: Dirixido a alumnado de 5º de Primaria, centrado na toma de conciencia das vantaxes e riscos asociados a Internet.
- Sentidiño na Rede: prevención de adiccións dixitais e uso inadecuado nas novas tecnoloxías: Para alumnado de 2º e 3º da ESO, orientado a diferenciar uso, abuso e adiccións ás novas tecnoloxías, así como cuestións relacionadas coa privacidade, a identidade e a reputación dixital ou a detectar e previr o ciberacoso.
- Isto xa non é unha broma: prevención de acoso escolar e ciberacoso: Adicado ao alumnado de 6º de Primaria, co que se tratarán as relacións grupais nas redes e fóra delas, así como a fomentar o respecto á diferenza, previr o acoso e aprender a afrontalo e afondar na mediación escolar como ferramenta para combatilo.
- A Rede e as súas redes: prevención de riscos asociados ao uso de Internet: Para alumnos e alumnas de 1º da ESO, ten como obxectivo promover a toma de conciencia dos riscos asociados ao uso de Internet e facilitar habilidades para moverse nela con seguridade.
- Taller de prevención no uso de Internet, redes sociais e xogos interactivos: Para moz*s de 4º da ESO, está enfocado a analizar riscos e fomentar usos e estratexias responsables na Rede.
- A mellor estratexia de xogo: Dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, quere previr o uso inadecuado dos videoxogos e proporcionar ferramentas para tomar conciencia sobre as vantaxes e inconvenientes dos videoxogos e xerar estratexias sobre o seu uso.
- Novas tecnoloxías e consumo: Este curso, desenvolvido coa área municipal de Consumo, está dirixido a todos os ciclos educativos, co obxectivo traballar o ámbito dixital desde a perspectiva das consumidoras, no que respecta a vantaxes, posibilidades e riscos.
- Publicidade e consumo: Tamén en colaboración con Consumo e orientado a todos os ciclos do ensino, este obradoiro traballará sobre a influencia da publicidade nos seus hábitos de consumo.
- Compras seguras: Na liña dos anteriores, esta proposta céntrase en dotar ao alumnado das ferramentas precisas para ser consumidores non só dixitais, senón tamén conscientes.
Máis coñecemento tecnolóxico neste curso 2019-20
Pero estes obradoiros, na súa meirande parte organizados en colaboración co departamento municipal de Servizos Sociais, non son as únicas propostas municipais para a comunidade educativa da cidade.
En novembro, o CEIP Menéndez Pidal acollerá a décima edición do obradoiro e concurso de robótica “A Maxia da Robótica”, da man de IGACIENCIA, que seguirá a desenvolver cursos desta temática unha vez comezado o 2020. Xa en maio, terá lugar o tradicional Día da Ciencia na Rúa, na que nestes días xa se están inscribindo os centros escolares. Ademais, o Festival CinEOI Coruña Curtas 2020, prevé varias actividades relacionadas cunha aproximación ao audiovisual.
Se formades parte da comunidade educativa ou tedes interese en coñecer a actividade área municipal de Educación e Cultura podedes visitar a súa web, á que podedes acceder desde aquí. Nela atoparedes acceso ás súas redes sociais e a posibilidade de inscribirvos no seu boletín informativo.