Coruña Dixital é un programa pensado para facilitar a conexión das persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento sustentábel de proxectos innovadores e con capacidade transformadora, ben sexan iniciativas creativas, culturais, sociais ou profesionais.
Con este primeiro Encontro Coruña Dixital abrimos a programación municipal de actividades. Durante a xornada de mañá e con formatos áxiles de charlas e conversas, de menos de vinte minutos cada unha, puidemos coñecer as principais tendencias e as iniciativas máis interesantes no eido da cultura dixital, da innovación social a través de prácticas dixitais, dos proxectos tecnolóxicos sociocomunitarios, dos contidos dixitais colectivos, do espírito maker e tamén achegarnos a proxectos abertos de programación e robótica educativa.
.
I Encontro Coruña Dixital (vídeos)
Contamos con convidados de luxo como o coruñés Juan Freire (experto de referencia en innovación e cultura dixital), José Luis de Vicente (investigador e comisario de Sónar+D, a área de innovación do festival Sónar de Barcelona), a galega Beka Iglesias (artivista dixital e coordinadora de laboratorios de arte, ciencia e tecnoloxías libres) ou Fran Díaz de Autofabricantes (proxecto de autofabricación colectiva de próteses persoais en código aberto).
Tamén puidemos tecer unha ampla panorámica do que está a suceder en Galicia da man de referentes como Fran Quiroga (novas prácticas culturais e comúns), María Yáñez (contidos dixitais comunitarios), Chus Prol (escena maker) e Tucho Méndez de Escornabot, proxecto xurdido no colectivo coruñés Bricolabs, con quen nos achegaremos á programación e robótica no eido educativo.
En definitiva, foi unha cita fantástica para tecer redes, inspirarse e aprender xuntas coa cultura dixital.