O pasado 23 de marzo tivemos ocasión de coñecer nunha xornada especial todas as experiencias e proxectos que se xeraron en torno a esta edición do #LAIC. O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación ofreceu nesta ocasión a posibilidade de experimentar en tres liñas concretas: realidade aumentada, vídeo mapping e narrativas populares contemporáneas.

O grupo de narrativas populares contemporáneas foi o primeiro en activarse. Partía dunha experiencia previa desenvolvida na Academia Galega do Audiovisual: un gifatón con material audiovisual galego, do que podedes ver o resultado nas plataformas GIPHY ou en Tenor, e tamén nos programas de mensaxería ou redes sociais, buscando GIFS directamente coa etiqueta “gifaton”.

Como primeira proposta aberta á cidadanía, e como presentación do propio #LAIC,  o grupo desenvolveu en decembro a xornada Que hai en Internet, con El Hematocrítico e Felipe G. Gil, trala que chegaría unha xornada panorámica sobre que entendemos por “narrativas populares contemporáneas” da man de María Yáñez, que foi a coordinadora do grupo.

As persoas que se inscribiron nesta liña de traballo puideron achegarse aos novos xéneros audiovisuais nados nas redes ou comprender como as novas plataformas inflúen na evolución das linguaxes, pero tamén puideron contar cos videocreadores Anabel Lorente e Christian Flores para achegarse á creación en Internet.

Pero, sobre todo, puideron experimentar e inspirarse cos coñecementos e ferramentas que coñeceron a través do grupo. E esa experimentación tomou corpo nalgúns proxectos que puidemos coñecer na xornada Demo de #LAIC!.

 

Aquí tes os proxectos do grupo!

O principio básico do grupo foi sempre experimentar e, con esa premisa, foron varias as propostas sobre as que as persoas participantes traballaron por equipos. Algunhas delas podédelas ver no blog do grupo en Tumblr, ao que podedes acceder desde aquí.

No #LAIC é moi importante facer equipo: aquí tedes a varias persoas do grupo, quen sabe se pensando no seguinte proxecto!

Nel atoparedes o traballo de Barullo, sobre músicas emerxentes na Coruña, de OULC, unha “pugna dixital” entre A Coruña e Ourense pola capitalidade galega, Lixo, reflexionando sobre os refugallos da cidade, e a canle de televisión Cachaza.

Esta última proposta ten moito que ver co fenómeno da slow tv, pero, lonxe de correntes mariñas e migracións de renos, Cachaza aposta por amosar a cotidianidade galega que habitualmente non podemos ver.  Por exemplo, a apertura do mercado de abastos, o traballo no obradoiro de pan ou o reparto da furgoneta de peixe polas aldeas. Este modelo audiovisual sería Cachaza-Vídeo Devagar e as persoas que o desenvolveron teñen a intención de activalo máis alá do #LAIC, así que estaremos pendentes!

Outra das propostas desenvolvidas no grupo, concretamente polo equipo Barullo, baseouse, como vos comentabamos antes, na música local e en varias posibilidades narrativas, como os de vídeos de reacción, como este no que empregaron como base a música das coruñesas Bala. E isto foi o que pasou!

 

 

O tempo dirá se este grupo de narrativas populares contemporáneas do #LAIC é o punto de partida de proxectos futuros, pero co feito ata o de agora quedounos claro que, cando se lle dan ferramentas á creatividade, xorden cousas estupendas. 😉

Se tes interese en inspirarte, aprender e experimentar coas narrativas populares contemporáneas e non puideches participar nesta ocasión no #LAIC, non te preocupes: para estar ao tanto de futuras propostas, podes subscribirte ao noso boletín, pero tamén participar no grupo do #LAIC no Facebook ou participar no seu Slack.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar