Tiñamos tod*s moita gana dunha nova edición do LAIC e por fin témola aquí, lista para botar a andar cunhas liñas de traballo novas, na súa meirande parte, das que vos falaremos polo miúdo proximamente. Mentres iso non sucede, convidámosvos a contactar xa a través do formulario habilitado (podedes acceder desde aquí) para coñecervos e saber cales son os vosos intereses e suxerencias. As persoas que o fagades teredes información de primeira man das liñas de traballo que se activarán en breve e das que xa sabemos algo con certeza: o lugar na que todas se desenvolvan, a “casa” de Coruña Dixital e por tanto do LAIC, será o centro Ágora.
Outra cousa que sabemos tamén é que unha das propostas para esta nova edición será traballar en torno ás narrativas populares contemporáneas. Como resumiu a súa coordinadora María Yáñez na actividade de presentación do pasado 18 de decembro, “é unha maneira de chamarlle aos os GIFs e memes”, pero entendéndoos como elementos a analizar desde unha perspectiva de estudo da linguaxe. Porque, en realidade, non falamos só de humor, senón dunha nova -e eficaz- maneira de comunicarnos. E sobre ela traballará, dun xeito creativo e divertido, LAIC 2019.
Que hai en Internet?
Con esa pregunta como título desenvolveuse unha sesión inspiradora que serviu para presentar a nova etapa de Coruña Dixital e do LAIC. A xornada, que se celebrou coa colaboración de Museos Científicos Coruñeses na Domus, contou coa presenza de Xosé Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, área municipal desde a que se impulsa Coruña Dixital. Estivo tamén o coordinador do programa, Sergio Lago, e María Yáñez, coordinadora do que será o grupo de Narrativas Populares Contemporáneas do LAIC e encargada de conducir a proposta, que tiña como obxectivo inspirarnos sobre estas novas narrativas en base ao mellor e ao peor de Internet.
Este percorrido polas redes contou con dous guías de excepción: por unha banda, Felipe G. Gil, director de proxectos audiovisuais do colectivo Zemos98, e divulgador dos códigos desta nova linguaxe en Eldiario.es, como podedes ler aquí. Por outra, o tuitero coruñés (ademais de profesor, escritor e colaborador en varios formatos audiovisuais) El Hematocrítico.
Foi unha tarde divertida, na que aprendimos, efectivamente, do mellor e peor de Internet, e que nos colocou no camiño de comprender un pouco mellor todo o que constitúen as novas narrativas populares.
E se queres saber máis…
Queres inscribirte no grupo de Narrativas Populares?
O grupo de Narrativas Populares Contemporáneas comezará a súa actividade o vindeiro 18 de xaneiro e, ademais de varias sesións de traballo, incluirá a mediados de febreiro un obradoiro de videocreación e animación para a rede con Christian Flores, coñecido por aquel Velaske yo soy guapa popularizado por PlayGround, pero cunha ampla traxectoria no eido dixital e a creación de contidos, e Anabel Lorente, coñecida polas súas animacións nas que retrata a súa experiencia como muller en situacións cotiáns e que lle valeron pasar dun cento de seguidores en Instagram e Twitter a contalos por milleiros.
Podes acceder á información e ao formulario de inscrición xa desde aquí.