Os xeitos de comunicarnos evolucionan, especialmente no ámbito dixital, con novas ferramentas e novos códigos. Dentro destas “novas maneiras” ten un peso especial o audiovisual, en todas as súas manifestacións. Unha delas son os GIFs animados, popularizados polo uso dos teléfonos intelixentes, sitios de descarga e plataformas como GIPHY, grazas ao seu fácil uso e o enorme catálogo de GIFs gratuítos.
Millóns de GIFs son compartidos todos os días e, con eles, unha parte do patrimonio audiovisual global. Pero, e que pasa co patrimonio audiovisual galego? Non podería ser a base de novos GIFs? A resposta, claramente afirmativa, materializarase o vindeiro 24 de novembro en GIFATON. Novos formatos de difusión do patrimonio audiovisual galego: un proxecto formativo que culminará coa creación dun repositorio de GIFs de obras senlleiras da historia do noso audiovisual, partindo de obras gañadoras dos Premios Mestre Mateo en diversas categorías e películas clásicas conservadas no arquivo do CGAI-Filmoteca de Galicia.
A actividade está organizada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta coa colaboración do Concello de A Coruña a través do LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Coruña Dixital, e o CGAI. Está dirixida a calquera persoa que desexe familiarizarse co universo GIF e que teña interese no sector audiovisual, ao tempo que axudará a visibilizar o patrimonio audiovisual galego, reivindicando o valor das imaxes de arquivo como parte integrante da nosa identidade.
O curso será impartido por María Yáñez, xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais, que abordará a parte teórica da xornada, e Brais Romero, director da revista A Cuarta Parede, crítico de cinema e investigador audiovisual que traballa a cotío no campo do videoensaio -ámbito no que foi premiado- e que desenvolverá o obradoiro práctico.
As persoas participantes na xornada (centro Ágora, 10h-19:30h) traballarán non só con filmes galegos galardoados cun Mestre Mateo e material de arquivo do CGAI, senón que tamén o farán con algunhas series de televisión e series web. Tedes toda a información sobre elas, así como sobre a estrutura da xornada e os prezos de inscrición, na web da Academia Galega do Audiovisual, á que podedes acceder desde aquí.