Coruña Dixital é un programa promovido pola área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña, co fin de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas desde as redes dixitais.
Buscamos facilitar a conexión das persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento sustentábel de proxectos innovadores e con capacidade transformadora, ben sexan iniciativas creativas, culturais, sociais ou profesionais.
.
REDES DIXITAIS E NOVAS PRÁCTICAS CULTURAIS E CREATIVAS
Atopámonos ante unha nova demanda cultural que non busca tan só consumir produtos culturais senón que, ante todo, quere formar parte activa de contornas colaborativas, horizontais e abertas onde se compartan os coñecementos e recursos precisos para “facer” e experimentar con novas ferramentas e procesos creativos.
.
A QUEN SE DIRIXE CORUÑA DIXITAL?
O elemento en común das persoas destinatarias é o interese en compartir coñecemento arredor da creación e as prácticas culturais baseadas no colaborativo e no dixital. Un dos grandes retos nesta iniciativa é facer máis accesibles estas prácticas, ampliando así os seus públicos potenciais.
- COMUNIDADE TECNOLÓXICA E DIXITAL
Axitador*s, profesionais e amador*s dos sectores TIC, creativ*s, culturais e sociais con interese nas novas prácticas, valores e ferramentas que nacen da cultura dixital. Aínda que o foco estea dirixido evidentemente á cidadanía coruñesa, a participación de axentes foráneos que co-investiguen, compartan e co-produzan na cidade terá un efecto multiplicador na activación de axentes locais. - PARTICIPANTES QUE BUSCAN PROBAR E DESCUBRIR
Tamén teremos en conta a todas aquelas persoas interesadas exclusivamente nunha tecnoloxía ou práctica concreta. Neste sentido, existe un especial interese en conectar co alumnado dos centros educativos, especialmente os de educación media e superior que poidan resultar próximos á temática.
.
A PRESENZA NA REDE
O sitio web corunadixital.gal nace para informar das actividades do programa e para dar visibilidade aos colectivos, espazos e eventos da cidade onde inspirarse, aprender e experimentar xuntas coa cultura dixital.
A paáxina web facilita todos os seus contidos en galego e castelán, contando tamén con apartados en inglés e portugués. As persoas interesadas poden subscribirse a un boletín informativo para estar ao día de todas as novidades. O proxecto conta tamén con perfiles en redes sociais como facebook ou twitter.