Este luns o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande presentou, xunto a Sergio Lago e Diego Parajó, representantes do equipo coordinador, a nova etapa de Coruña Dixital.

O programa municipal mantén, nesta nova temporada, a visibilización das moitas iniciativas que se desenvolven na cidade no ámbito da cultura dixital como un dos seus eixos principais. O programa reactívase e faino cuns obxectivos que son xa a súa seña de identidade, como impulsar novas comunidades, conectar o tecido xa existente de entidades e colectivos e divulgar e apoiar á comunidade local.

#LAIC e un espazo fixo para a nova temporada

Unha novidade importante é que nos primeiros meses de 2019, a sede principal do programa será o centro Ágora, onde, ademais doutras moitas propostas municipais, Coruña Dixital compartirá espazo coa Oficina de Cooperación Audiovisual da Academia Galega do Audiovisual (AGA), entidade coa que xa colaborou en varias ocasións a través do #LAIC.

Isto non significa que non haxa actividades noutros lugares da cidade, pero si que haberá unha actividade regular vinculada a este espazo o que, por outra banda, facilitará un dos obxectivos principais do programa, como é o de favorecer a conexión das persoas interesadas na cultura dixital, así como no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento sustentábel de proxectos (creativos, sociais, culturais, profesionais,…) innovadores e con capacidade transformadora.

A programación completa de Coruña Dixital irémola desvelando nas vindeiras semanas, pero unha das súas liñas principais será o #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, que tamén ten como novidade con respecto á anterior edición a creación, nos primeiros meses de 2019, de varios grupos de traballo. Estes equipos formaranse en torno a distintas ferramentas e prácticas dixitais, como poden ser a realidade aumentada, o mapping, a gamificación urbana ou as novas narrativas populares, ademais de estar aberto a novas propostas da comunidade.

Primeira actividade na Domus

Para iso, e como primeira toma de contacto, o #LAIC desenvolve este martes 18 de decembro unha actividade gratuíta na Domus (19h). Nesta cita, ademais de poñer en común as liñas de traballo da nova edición, participarán o tuitero coruñés El Hematocrítico e o responsable de proxectos audiovisuais de Zemos98, Felipe G. Gil. Os dous falarán de humor e contidos virais na Rede nunha conversa, Que hai en Internet?, dirixida pola xornalista María Yáñez. Un petisco de luxo para toda a actividade que nos agarda en 2019!

Nos vindeiros días Coruña Dixital difundirá as actividades do #LAIC e abrirá a inscrición nos grupos de traballo.  Estade pendentes da web e das nosas redes!

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar