O Concello da Coruña, a través da Concellería de Educación e Culturas, vén de presentar a nova tempada de Coruña Dixital, que está xa a desenvolver varias liñas de traballo. Entre elas, a educación dixital, cunha aposta por reforzar a divulgación das actividades que se levan a cabo neste ámbito na cidade, en moitos casos vinculadas ás bibliotecas e centros cívicos municipais. Trátase de propostas variadas que podedes consultar na nosa web, no apartado adicado á iniciación e uso seguro da tecnoloxía.

Outra liña de traballo importante, e un dos eixos fundamentais de Coruña Dixital, é a  colaboración coa comunidade técnica local, que xa se está a traducir na visibilización das súas propostas e a colaboación activa en iniciativas como AtlánticaConf, OSHWDem 2019 ou o congreso TADEGA.

Xa con vistas ao vindeiro ano, destaca o #LAIC.Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación desenvolverase nos primeiros meses de 2020, pero terá, a mediados de decembro deste ano, unha primeira sesión inaugural que servirá para poñer á cidadanía na pista do que serán as liñas de traballo nesta edición, que se centrarán nas narrativas dixitais, inmersivas e transmedia.

As actividades do #LAIC desenvolveranse ata mediados de marzo no centro Ágora e serán progresivamente anunciadas nas nosas redes en vindeiras semanas e a través do noso boletín informativo, ao que vos podedes subscribir desde aquí.

 

Pensamento e educación no ámbito dixital

O #LAIC é, sen dúbida, un dos referentes da programación de Coruña Dixital, pero as propostas nesta tempada esténdense  tamén a outras perspectivas, como son a reflexión crítica sobre o impacto da tecnoloxía, especialmente en colaboración con outras áreas como as Bibliotecas Municipais, ou as posibilidades da creación dixital a nivel educativo e sociocultural. Neste sentido, Coruña Dixital organizará un encontro galego de iniciativas que responden a este perfil, que se celebrará na segunda quincena de abril no centro Ágora.

En relación a esta temática, na web do programa é posible acceder a un Kit de Activación Dixital, dirixido fundamentalmente a profesionais e activistas destes ámbitos, no que é posible acceder a unha guía metodolóxica para desenvolver proxectos cos que participar na vindeira primavera nesta xornada e coñecer propostas e experiencias xa realizadas.

 

Convidámosvos -se queredes saber máis sobre Coruña Dixital, contactar con nós, coñecer á comunidade de colectivos que traballan na cidade e as súas inicitivas, etc,…-  a darvos unha volta pola nosa web, que podes comezar xa desde aquí.

 

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar