O 25 de xaneiro tivemos unha nova sesión no #LAIC  con Rubén Lázaro, realizador en V de Vídeo e experto en 360º en Siente VR, que nos achegou ao mundo da captación de imaxes 360º e VR.  Neste obradoiro puidemos coñecer o funcionamento das cámaras 360º, descubrir os segredos da edición neste formato e experimentar novos espazos a través de gafas de realidade virtual.

Comezamos a xornada cun achegamento á orixe da VR, vendo que a innovación nesta tecnoloxía vén de anos atrás. Tamén fixo unha distinción entre a tecnoloxía 360º e a realidade virtual, analizando os diferentes visores que existen e as novas narrativas que xorden a través destas.

Nunha segunda parte, tivemos a oportunidade de coñecer diferentes tipos de cámaras, de xogar e probar a realizar vídeos e fotografías con elas, obtendo resultados moi curiosos 😉

 

Despois desta parte práctica, mergullámonos no mundo da edición. Grazas aos coñecementos que nos trasladou Rubén Lázaro, puidemos coñecer os pasos a seguir na post-produción, o procesado das imaxes no contexto 360º e VR e o seu cosido.

Finalmente, chegou a parte máis interactiva, na que tivemos a oportunidade de probar a ver vídeos gravados en 360º coas gafas de realidade virtual. A través delas, metémonos noutras realidades sen saír da aula.

Como ves, nesta xornada houbo moita experimentación e aprendizaxe, algo que tamén nos agarda nas vindeiras sesións do #LAIC! Se queres descubrir novas narrativas e outros formatos, aínda estás a tempo de inscribirte!

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar