O pasado 18 de xaneiro tivemos o pracer de recibir a Andrea L. Lozano para facernos aterrar no proceso de creación dun proxecto transmedia.

A sesión, que supuxo a estrea do #LAIC neste ano 2020 trala sesión inaugural de decembro de Roger Casas-Alatristre, comezou cunha introdución ao que son as narrativas transmedia e a súa orixe, ademais da importancia do medio a través do cal queremos contar a nosa historia.

Tras esta achega ao ámbito máis teórico destas narrativas dixitais, o laboratorio dividiuse en grupos, co obxectivo de deseñar proxectos en equipo. Neste proceso, Andrea L. Lozando foi facilitando claves e formulando preguntas encamiñadas a concretar o universo que @s participantes estaban a construír.

Así, xerouse información necesaria para definir o proxecto, como a audiencia de cada relato, a que contidos tería acceso esta audiencia ou a través de que formatos, e con que plataformas, poderían interaccionar as usuarias do noso universo transmedia.

Desta maneira, cada equipo foi aplicando estes coñecementos e ferramentas aos seus respectivos relatos, tomando forma en diferentes proxectos. As oito horas que conformaron a sesión amosaron ser moi produtivas! Estas son as diferentes ideas que xurdiron ao longo do Laboratorio Transmedia:

 

Coruña escondida: Baseada na idea de descubrir e vivir a Coruña auténtica. Pensado para as persoas que visitan Coruña, o usuario tería a posibilidade de experimentar e coñecer a cultura local a través de diversas plataformas: un webdoc no que habería un mapa interactivo que propón diferentes rutas na cidade (gastronómica, artesá, da escena musical, mercados,…); a App Herculina, unha gymcana para visitar os sitios agochados na cidade e descubrir os seus segredos ocultos; un documental, Coruña in a day, conformado por vídeos enviados por coruñes*s amosando o seu día cotián na Coruña e, finalmente, un xogo a través da plataforma Kahoot no que demostrar todos os coñecementos aprendidos sobre A Coruña.

12A: En 12A súmanse as historias de tres personaxes: unha influencer desaparecida, un escritor frustrado e unha xornalista observadora. A través das plataformas Vod, Twitter e Instagram, que permiten ter experiencias inmersivas como a investigación colectiva ou a xeración de comunidade, seguiremos unha serie gamificada e co-creada polo público.

 

M de Medea: Neste proxecto créase un universo transmedia sobre o monólogo teatral de Medea. O percorrido comeza nunha páxina web na que Medea nos recibe a través dun audio e nos fai partícipes do seu relato. Para isto, a usuaria inscribe o seu número de teléfono e, máis adiante, recibirá mensaxes indicando diferentes puntos da cidade da Coruña aos que desplazarse. Neles atopará imaxes cun código QR que completarán a experiencia e fiarán a historia de Medea a través da realidade aumentada.

Hai que ir morrendo!: O relato deste proxecto xirará en torno á Santa Compaña e o patrimonio galego. Coa intención de recuperar a tradición oral, constrúen unha experiencia gamificada na que coñecer lendas e espazos de interese e onde recuperar as nosas historias.

Como ves, o Laboratorio permitiu unha aproximación ao que son as narrativas transmedia e realizar un primeiro paso para a materialización de ideas neste contexto.

Se tes interese en inspirarte, aprender e experimentar coas narrativas dixitais e non puideches participar nesta ocasión, non te preocupes: para estar ao tanto de futuras propostas, podes subscribirte ao noso boletín.

E non esquezas que aínda hai actividades programadas no #LAIC para as vindeiras semanas: atópaas na nosa axenda e inscríbete! ?

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar