Hai uns días tivemos o pracer de recibir no Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación de Coruña Dixital a José Luis de Vicente -comisario, escritor e investigador especializado en espazos e experiencias culturais inmersivas existentes entre a tecnoloxía, a innovación social, a arte e o deseño-. A actividade dividiuse en dúas sesións: unha charla panorámica na que aterramos neste universo e, ao día seguinte, unha masterclass que nos permitiu afondar e mergullarnos en exemplos concretos.
Na primeira sesión fixemos un percorrido por obras artísticas de carácter envolvente, vendo exemplos de iniciativas de todo o mundo e de diferentes períodos. Aclarando o concepto de experiencias culturais inmersivas, José Luis de Vicente, tratou de poñer orde nas ideas sobre o concepto inmersivo e reflexionar sobre que pasa cando nos enfrontamos a unha obra destas características.
Tivemos a oportunidade de gravar esta sesión, polo que se non puideches vir -ou se o fixeches pero queres lembrala- aquí tes a súa intervención:
Ao día seguinte, José Luis de Vicente compartiu con nós unha segunda xornada, con formato master-class, na que tivemos oportunidade de coñecer exemplos da súa propia experiencia en proxectos de corte inmersivo, abordando algúns dos desafíos, e tamén as satisfaccións, que supuxeron na súa carreira. Así, descubrimos de primeira man grandes propostas coma as exposicións no Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, Big Bang Data e Después del fin del mundo, ou a instalación de gran formato que tivo lugar no Festival Internacional de Manchester, Atmospheric Memory.
Como podes ver, estas dúas sesións serviron para obter moito coñecemento, pero tamén moita inspiración! 😉