O #LAIC comezou este mes de marzo acollendo unha dobre sesión, dentro do seu programa adicado ás narrativas dixitais, inmersivas e transmedia, da man de Belén Santa-Olalla, directora creativa da compañía Stroke 114, especializada en teatro inmersivo e transmedia.
Ese foi o eixo temático da proposta do Laboratorio Audiovisual, a través dun pequeno obradoiro e dunha charla panorámica, na que Belén abordou o poder da inmersión. Nela, abordou as claves do storytelling e reflexionou sobre o valor da experiencia na cultura e o lecer, así como a revalorización do físico nun contexto de hiperconexión dixital.
Foi unha interesantísima introdución para comprender a estrutura dun proxecto teatral transmedia como El Proceso, de Kafka, adaptado e dirixido pola propia Belén Santa-Olalla.
Con todos eses coñecementos, o taller da tarde baseouse en desenvolver, seguindo as indicacións de Belén, unha pequena proposta escénica de carácter transmedia por equipos, cun resultado final tan divertido como inspirador 😉