A alcaldesa da Coruña, Inés Rey -xunto co director do Coliséum, Javier Rodríguez, o artista César de Centi e representantes da coral polifónica Follas Novas, da agrupación cultural Son D’Aquí, de Artestudio e de Katarsis Teatro- vén de presentar o proxecto Respira Cultura. Unha iniciativa que pretende dar “aire e vida” para “manter esperto” o tecido cultural, sobre todo o de creación local.

A Concellería de Cultura, a través do IMCE, abre unha nova ventá á emoción, á ilusión, ás artes vivas e á música ao vivo, cunha programación dixital de actividades culturais aberta, accesible, apta para todos os públicos e que convida, de novo, a sentir e respirar a cultura ao vivo nun escenario que deslocaliza, globaliza e pon en valor a creatividade e o talento local.

Durante algo máis de dúas semanas, o Fórum Metropolitano, o Centro Ágora e o Pazo da Ópera convertéronse en estudos de gravación para un total de 47 proxectos (20 de entidades de arraigo e 27 da convocatoria de dinamización cultural) e 54 actuacións.

Todas elas poderanse desfrutar en directo a través da web de Respira Cultura (á que podes acceder desde aquí) até o 4 de outubro, con 4 ou 5 estreas diarias e 27 espectáculos semanais, que terán vixencia nesta plataforma dixital até o 12 de outubro.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar