A fenda de xénero no eido das TIC segue a ser unha realidade que se manifesta de moitas maneiras, desde o estrictamente laboral ata a representación en eventos técnicos, nos que -por norma xeral-  a  representación de mulleres profesionais é sensiblemente menor que a dos seus colegas masculinos.

Por iso é importante lembrar que na cidade son varios os colectivos que desenvolven propostas e actividades para visibilizar a presenza da muller nos mundos tecnolóxicos. Unha delas é Women Techmakers Galicia 2020, que se celebrará na Coruña o vindeiro 28 de marzo: un evento que se desenvolve con motivo do Día Internacional da Muller e no que, a través de conferencias, protagonizadas por profesionais femininas de referencia, se favorece a aprendizaxe de cuestións tecnolóxicas e no que hai tempo e espazo para tecer rede profesional.

No ámbito do ensino, concretamente universitario, cómpre destacar a labor de Hello Sisters!, unha  iniciativa vinculada á UDC que conta con investigadoras, profesoras universitarias e profesionais na que animan ás novas xeracións a dar as súas propias charlas en eventos técnicos, tratando ao mesmo tempo de resolver dúbidas e dando apoio ás futuras profesionais do sector.

A Universidade, por certo, celebra tamén dende hai varios anos a Xornada Anita Borg, adicada a mulleres relevantes na Informática de onte e hoxe. Nesta edición, contou cun completo programa de actos divulgativos, charlas e presentacións de iniciativas desenvoltas na cidade por mulleres.

 

Coidar das vocacións máis novas 

Incentivar desde a infancia a relación das nenas e as TIC  é o obxectivo do Día Internacional das Nenas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación que, dende o ano 2011, desenvolve a Biblioteca Infantil e Xuvenil Durán Loriga a través do programa BiblioTECH.

Nesta edición, a biblioteca propón TECH4girls: un obradoiro para rapazas de 9 a 14 anos que queiran aprender programación e robótica e que se desenvolverá en varias xornadas, do 28 de marzo ao 25 de abril.

Non queremos esquecer neste pequeno respaso a Informática para Tod@s, unha proposta que este ano se celebra en Valencia pero que, o ano pasado, desenvolveuse na cidade e coa que tivemos o pracer de colaborar. O seu obxectivo principal é promover o papel das mulleres no eido da tecnoloxía a través de charlas, presentacións, coloquios e obradoiros con relatoras e profesionais de alto nivel sobre temas de interese relacionados coa tecnoloxía e o emprendemento no sector. Aquí tedes os vídeos correspondentes ás actividades da edición 2019, celebrada na Coruña.

 

Estas son algunhas das entidades e propostas que desde Coruña Dixital coñecemos e apoiamos. Se no voso colectivo tamén estades preocupad@s pola fenda de xénero no ámbito das TIC, desenvolvedes propostas para erradicala e, ademais, queredes compartir a vosa labor, non dubidedes en contactar con nós!

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar