A Coruña dá a benvida a unha plataforma de licenzas abertas, neste caso un espazo de promoción de anuncios ou ofertas de cousas para prestar ou agasallar. En liñas xerais, iso é a Cousateca, do Programa Co-Lab da Concellería de Participación e Innovación Democrática. A plataforma para intercambio de cousas , que pretende afondar nas posibilidades e potencialidades da compartividade, será quen defina as condicións que rexen nas contraprestacións dos préstamos, que en ningún caso serán de índole material.
O xoves 28 de setembro, ás 19h, haberá unha primeira xornada de contacto (no centro cívico Accede Papagaio) entre responsables do proxecto e a cidadanía, no que haberá un tempo para o intercambio de ideas e pareceres sobre o proxecto Cousateca.
Será a primeira xuntanza destas características, pero non a única: a Cousateca estará dispoñible en modo beta (aínda que admitirá xa a posibilidade de subir e solicitar cousas) desde o 1 de outubro e, a partir desa data, haberá máis encontros co obxectivo de explicar e dinamizar que é e para que serve a plataforma.