Fotografía, pasada e presente, con vocación de futuro. Iso é o que FFoco ofrece na súa primeira edición os próximos 29 e 30 de setembro, no que busca ser unha plataforma de creación contemporánea na que a participación cidadá ten tamén un papel fundamental. De feito, estes días a organización ultima a recollida de imaxes, antigas ou de fai certo tempo, en negativo ou papel, da veciñanza da Cidade Vella, no que se define como “Taller de memoria analóxica” e que terá o seu reflexo nun xornal. Ademais, estanse a repartir cámaras entre comerciantes e residentes para que retraten, cada un ao seu xeito, o seu barrio. É a sección “Mire usted”, que se prevé sorprendente.

Os profesionais da fotografía galega

FFoco é para a memoria da cidade e para a súa veciñanza, pero sobre todo é, ademais dunha plataforma de creación, un escaparate para a fotografía actual, galega na súa meirande parte. Participarán no festival nomes propios como Laia Abril, Judith Adataberna, Carla Andrade, Eva Díez ou Iván Nespereira entre outros. Haberá charlas, obradoiros abertos para persoas de todas as idades e a edición dos xornais cos traballos que se realicen. O programa de actividades, organizadas pola asociación Acolá, culminará cunha proxección fotográfica nocturna na praza da Fariña (Azcárraga).

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar