Impulsada por Mobile World Capital Barcelona e desenvolvida polo Club Financiero Atlántico, coa colaboración do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, xunto a outras entidades e empresas da cidade, chega unha proposta dunha semana de duración que convertirá A Coruña e a súa área metropolitana, así como a Compostela para algúns eventos, nun espazo aberto á reflexión sobre o impacto que a transformación dixital está a ter na vida das persoas. Haberá, por tanto, ciencia e tecnoloxía, pero tamén arte, na Mobile Week Coruña, que se desenvolverá en diferentes espazos do 21 ao 28 de novembro.

MWeekCoruña reúne a artistas, científic*s, filósof*s, enxeñeir*s e profesionais da industria co obxectivo de que a cidadanía participe das súas actividades seguindo o modelo da súa irmá maior, a Mobile World Capital Barcelona, que na súa última edición contou con máis de 20.000 participantes.

 

Presentación de proxectos e actividades tecnolóxicas

O Concello colabora na MWeekCoruña promovendo varias actividades, que van desde a presentación dos proxectos TIC da cidade (día 22, 16h, no centro Ágora)  ata o desenvolvemento de varios obradoiros.

Na presentación de proxectos coñeceremos o proxecto municipal desenvolvido no marco de Red.es, así como a folla de ruta sobre migración a software libre nos concellos, tomando como exemplo o Concello da Coruña. Tamén se falará ao longo da tarde do futuro da tecnoloxía nos laboratorios cidadáns, sobre o exemplo de Colab Coruña e a Forxa Co-Lab, así como de EmapicCoruña Dixital, GPUL Hackatóns e Hackatiños e a Cousateca.

No que respecta aos obradoiros, un deles, organizado a través de Museos Científicos Coruñeses, xunto coa asociación Bricolabs, é un taller de e-téxtiles (dia 24, 10h-20h, na Domus), centrado en tecidos con compoñentes electrónicos. Tamén haberá cacharreo tecnolóxico, con Museos Científicos Coruñeses e a asociación Bricolabs, nunha serie de obradoiros para a rapazada de 10 a 16 anos. Desenvolveranse na Domus, concretamente na sala maker@domus, os días 22, 23 e 24, nesta última data en horario de mañá, media mañá e tarde.

Tanto estas como todas as actividades programadas na MWeekCoruña, e que podedes ver aquí, son de carácter gratuíto, pero é necesaria unha inscrición previa por cuestións de aforo e organización. Trátase dunha sinxela xestión que podedes facer desde a páxina web do evento, á que tamén podedes acceder desde aquí mesmo.

MWeekCoruña dispón dunha web propia na que podedes atopar toda a información detalladas. Deixámosvos aquí o enlace.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar