O proxecto Versogramas”, que impulsa a produtora coruñesa Esferobite, é estes días noticia por dobre motivo. Por un lado, acaban de lograr o obxectivo mínimo na súa coidada campaña de crowdfunding, que lles permite completar o financiamento que precisaban, e tamén crear a súa comunidade de público e de seguidores en Galicia e por todo o mundo. Por outro lado, estes días están a rodar para o documental entrevistas con distintas creadoras e creadores de videopoesía de recoñecemento mundial, como Elena Chiesa ou Dionisio Cañas, ou os galegos e non menos internacionais Yolanda Castaño e Antón Reixa, pioneiro do xénero dende os anos 80.

“Versogramas” é un produto transmedia no que a obra principal é un documental de creación dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, baixo a idea orixinal e co-produción executiva de Celia Parra. Complétase cun intenso traballo de divulgación da videopoesía na súa web e nas redes sociais, onde levan tempo destacando traballos de videopoesía feitos en todo o mundo, e captando a atención da comunidade internacional interesada neste ámbito da creación que ata agora estaba sen abordar dende o documental.

A exitosa campaña de crowdfunding en Verkami forma parte desta estratexia social e transmedia, que tamén contempla a realización dun documental web e dunha exposición museística. Os seus creadores definen “Versogramas” como un caleidoscopio de versos, fotogramas e sons, e tamén unha viaxe emocional cara ó descubrimento da videopoesía. Agardamos axiña ver os resultados desta viaxe na que cada vez embarcan máis persoas interesadas en descubrir novas linguaxes, miradas e voces na poética audiovisual.

No Facebook e no blog de “Versogramas” podedes seguir o proceso de rodaxe, a campaña de financiamento e outras novidades sobre o proxecto.

 

Entradas recomendadas

Empece a escribir e pulse Enter para buscar