Coñecer e aprender para ser capaces de detectar os primeiros síntomas dun problema. Ese é o obxectivo dos obradoiros que comezarán o vindeiro 15 de abril e que se desenvolverán, nunha primeira etapa, até o 15 de xuño en varios centros cívicos da cidade, impulsados polo departamento municipal de Xustiza Social.
Os destinatarios desta proposta son nen@s e adolescentes, de 11 anos en diante, e as súas familias, a quen se lles achegará información sobre as tecnoloxías da información e a comunicación, as TIC. Os obradoiros, que se inclúen dentro do Programa de Prevención de Drogodependencias, dividirán aos participantes por franxas de idade para informar dos usos correctos e incorrectos, así como dos riscos que estes últimos poden xerar, do ámbito dixital. A asociación de loita contra a droga, Aclad, será quen imparta estos 40 obradoiros (de 20 prazas cada un) que se prevé que cheguen a 800 persoas e nos que se falará de protección da privacidade, xestión da información ou videoxogos, ademais de ciberacoso, sexting ou estafas de índole económica, entre outros contidos.
As persoas interesadas en asistir a estes talleres deberán anotarse nos centros cívicos nos que se desenvolverán. Toda a información está na web do Concello, á que podedes acceder desde aquí.