A última edición de Coruña Hacks chegou xa ao seu fin, logo dunha xornada intensa e divertida que rematou cunha entrega de premios e cunha gran foto de familia, xa que na sesión de peche participaron xuntos os adultos de Coruña Hacks  e a rapazada de Coruña Minihacks.

Os participantes máis novos eran a novidade desta serie de hackatóns, nos que se desenvolveron por equipos seis proxectos orixinais baseados na tecnoloxía aberta.

No caso de Coruña Hacks:

  • Creación dunha plataforma web común para todas as comunidades tecnolóxicas da Coruña, partindo das ferramentas desenvolvidas pola iniciativa veciña de VigoTech.
  • OpenSmartFitness, unha plataforma libre e aberta para controlar de xeito privado a información xerada por dispositivos  que monitoricen a nosa actividade física. O proxecto inclúe o deseño de sensores e as súas implementacións, ademais dunha aplicación para almacenar, mostrar e xestionar a información recollida.
  • subastasAEAT é un proxecto para explorar a utilización de datos abertos a través dunha app baseada na tecnoloxía React Native, neste caso monitorizando as poxas publicadas pola Axencia Tributaria.

E no caso de Minihacks:

  • Sistema de votación no colexio para escoller a comida que lles apetece cun sistema de bloqueo no caso de excederse pedindo comida pouco saudable.
  • Minixogos para concienciar sobre a necesidade de reciclar e ordenar.
  • Videoxogo de animación para “castigar” a esas persoas que teñen can e non se fan cargo dos seus excrementos.

 

Premios para todos os proxectos

O xurado, durante a presentación dos proxectos

En Coruña Hacks e Minihacks non se trata de gañar, senón de construír de maneira colectiva proxectos orixinais con tecnoloxía aberta.

Na sesión final, os equipos tiveron tempo para ultimar as súas propostas e presentalas ao público e ao xurado, composto pola concelleira de Participación e Innovación Democrática Claudia Delso, Manuel Fachal, de Empathy.co, Gabriel Ferreiro, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Carlos García, representante de Árticos.

No que respecta aos proxectos de Coruña Hacks, o terceiro premio foi para a plataforma web común para todas as comunidades tecnolóxicas da Coruña, o segundo para o proxecto subastasAEAT e o primeiro para OpenSmartFitness.

 

En canto  a Coruña Minihacks, a proposta baseada nun xogo para concienciar sobre o uso de papeleiras e a necesidade de colaborar nas tarefas da casa foi premiado pola súa orixinalidade. O xogo deseñado para impulsar a responsabilidade dos propietarios de mascotas recibiu a distinción ao proxecto máis divertido. E a aplicación para escoller, mediante unha enquisa, menús saudables na escola, recibou o galardón ao máis currado.

 

 

Coruña Hacks é unha iniciativa impulsada de xeito colaborativo polos colectivos Coruña Developers, GPUL e Árticos, co apoio do Concello da Coruña, a través de Coruña Dixital e tamén da área de Participación e Innovación Democrática, ademais do patrocinio de moi diversas entidades como Corunet ou Empathy.co, entre outras.

 

Toda a información sobre os proxectos desenvolvidos (dispoñibles en GitLab) e sobre a iniciativa CoruñaHacks, podes atopala aquí. Tamén, para estar ao tanto de futuras edicións, podes subscribirte ao noso boletín.

 

 

 

 

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar