Coruña Hacks, a iniciativa impulsada desde os colectivos GPUL, Coruña Developers e Árticos, regresa cunha nova edición consistente en tres hackatóns, o segundo sábado de marzo, abril e maio, nos que desenvolver proxectos baseados en tecnoloxía libre e co obxectivo de solucionar ou mellorar algunha cuestión que repercuta no ben común, como se fixo en edicións anteriores. E, como xa ocurriu nelas, nesta ocasión haberá tamén gala final con premios para os mellores proxectos.

 

O Concello da Coruña ven apoiando esta iniciativa dende os seus inicios, a través de Coruña Dixital e da Área de Participación e Innovación Democrática.

Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas con ganas de experimentar coa tecnoloxía. Os perfís máis habituais en Coruña Hacks son aqueles que teñen que ver co desenvolvemento de proxectos de software, como programadora informática ou profesionais da área de sistemas e devops.  O programa tamén é interesante para persoas relacionadas co hardware libre e o mundo maker e pode ser unha boa experiencia tamén para deseñador*s gráfic*s e persoas que se adiquen á experiencia de usuario ou maquetación con interese no software libre.

Na súa primeira xornada, no Centro Ágora, poderase debater sobre que proxectos se traballará e constituír os equipos coas persoas inscritas. Para participar, e de paso propoñer e ver proxectos sobre os que traballar, Coruña Hacks ten un Meetup, ao que podedes acceder desde aquí, e un Slack, no que se centralizan as comunicacións do grupo.

 

Primeira edición da versión “mini” para a rapazada

A gran novidade desta edición de Coruña Hacks é Coruña Minihacks, unha proposta para rapaces de entre 8 e 16 anos que se desenvolverá os mesmos días que a versión adulta, aínda que moitas menos horas por xornada. Nas sesións, as participantes poderán programar historias, aplicacións ou videoxogos, co único requisito de poder levar un ordenador portátil.

O primeiro día, igual que se fará en Coruña Hacks, decidirán en que idea queren traballar, tendo como obxectivo mellorar a súa cidade ou contorna. E o derradeiro, en maio, terán a súa gala e os seus propios premios.

Toda a información, e o acceso á inscrición en Coruña Minihacks está ao voso dispor aquí. Lembrade que a primeira xornada, tanto de Coruña Hacks como de Coruña Minihacks será o 9 de marzo!

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar