Tiñamos tod*s moita gana dunha nova edición do LAIC e por fin témola aquí, lista para botar a andar cunhas liñas de traballo novas, na súa meirande parte, das que vos falaremos polo miúdo proximamente. Mentres iso non sucede, convidámosvos a contactar xa a través do formulario habilitado (podedes acceder desde aquí) para coñecervos e saber cales son os vosos intereses e suxerencias. As persoas que o fagades teredes información de primeira man das liñas de traballo que se activarán en breve e das que xa sabemos algo con certeza: o lugar na que todas se desenvolvan, a “casa” de Coruña Dixital e por tanto do LAIC, será o centro Ágora.

Outra cousa que sabemos tamén é que unha das propostas para esta nova edición será traballar en torno ás narrativas populares contemporáneas. Como resumiu a súa coordinadora María Yáñez na actividade de presentación do pasado 18 de decembro, “é unha maneira de chamarlle aos os GIFs e memes”, pero  entendéndoos como elementos a analizar desde unha perspectiva de estudo da linguaxe. Porque, en realidade, non falamos só de humor, senón dunha nova -e eficaz- maneira de comunicarnos. E sobre ela traballará, dun xeito creativo e divertido,  LAIC 2019.

Que hai en Internet?

Con esa pregunta como título desenvolveuse unha sesión inspiradora que serviu para presentar a nova etapa de Coruña Dixital e do LAIC. A xornada, que se celebrou coa colaboración de Museos Científicos Coruñeses na Domus, contou coa presenza de Xosé Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, área municipal desde a que se impulsa Coruña Dixital. Estivo tamén o coordinador do programa, Sergio Lago, e María Yáñez, coordinadora do que será o grupo de Narrativas Populares Contemporáneas do LAIC e encargada de conducir  a proposta, que tiña como obxectivo inspirarnos sobre estas novas narrativas en base ao mellor e ao peor de Internet.

Este percorrido polas redes contou con dous guías de excepción: por unha banda, Felipe G. Gil, director de proxectos audiovisuais do colectivo Zemos98, e divulgador dos códigos desta nova linguaxe en Eldiario.es, como podedes ler aquí.  Por outra, o tuitero coruñés (ademais de profesor, escritor e colaborador en varios formatos audiovisuais) El Hematocrítico.

Foi unha tarde divertida, na que aprendimos, efectivamente, do mellor e peor de Internet, e que nos colocou no camiño de comprender un pouco mellor todo o que constitúen as novas narrativas populares.

Se non puideches ir ou queres lembrar algo do que falaron El Hematocrítico e Felipe G. Gil, aquí tes a gravación da xornada

E se queres saber máis…

Felipe G. Gil falou en La Opinión sobre viralidade, GIFs e memes, pero tamén sobre a influencia das redes sociais na mobilización colectiva e como catalizadoras da indignación
Aquí tes a entrevista que Praza fixo a Felipe G. Gil e El Hematocrítico sobre contidos virais, a evolución das redes ou fake news, entre outras moitas cousas relacionadas coa comunicación dixital

 

Queres inscribirte no grupo de Narrativas Populares?

O grupo de Narrativas Populares Contemporáneas comezará a súa actividade o vindeiro 18 de xaneiro e, ademais de varias sesións de traballo, incluirá a mediados de febreiro un obradoiro de videocreación e animación para a rede con Christian Flores, coñecido por aquel Velaske yo soy guapa popularizado por PlayGround, pero cunha  ampla traxectoria no eido dixital e a creación de contidos, e Anabel Lorente, coñecida polas súas animacións nas que retrata a súa experiencia como muller en situacións cotiáns e que lle valeron pasar dun cento de seguidores en Instagram e Twitter a contalos por milleiros.

Podes acceder á información e ao formulario de inscrición xa desde aquí

Entradas recentes