Que é o que fai que un chío se convirta en viral? Quen ou que traza o camiño dun GIF ou un meme até facelo coñecido -e empregado- por tod*s? As novas narrativas populares son divertidas, pero teñen unhas dinámicas, uns porqués, especialmente interesantes para as persoas vinculadas dalgunha maneira á comunicación e, sobre todo, á comunicación creativa nas redes. Todas elas teñen o vindeiro 18 de decembro unha cita. E non só elas, senón todas as que se quedaron con gana de máis LAIC en anteriores edicións.

 

Que pasa o martes 18?

O principal dese día é que haberá un encontro, con esa nova linguaxe e as súas dinámicas, pero tamén coa nova edición do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, coa intención de que sexa unha xornada inspiradora, pero tamén divertida.

A sesión do vindeiro martes 18 de decembro terá lugar no auditorio da Domus (19h-21h). Nela falarase de Que hai en Internet?, nunha conversa conducida por María Yáñez, xornalista especializada en contidos dixitais, e na que participarán, por unha banda,  El Hematocrítico, profesor coruñés e crítico de arte, ademais de escritor e colaborador en varios medios, coñecido pola súa actividade no Twitter; e por outra, Felipe G. Gil, director de contidos audiovisuais de ZEMOS98 e colaborador de Eldiario.es, onde seguro que tedes lido os seus artigos sobre a comunicación e a linguaxe na Rede.

Esta charla a tres bandas ten un enfoque divertido e inspirador, pero, ademais, ten moito que ver cunha das liñas de traballo da que será a nova edición do LAIC. Por iso, a sesión vai máis alá desta conversa e inclúe un encontro cos responsables do programa de Coruña Dixital, que explicarán as claves da nova programación. Quen asista poderá coñecer de primeira man o que se vai a facer e como para decidir en que propostas desexa participar nas vindeiras semanas.

A actividade é de balde pero, por cuestións de organización, é necesario inscribirse previamente. Podédelo facer xa desde aquí.

 

 

Entradas recentes