Outubro comeza na Coruña cunha importante cita no ámbito tecnolóxico. Trátase do Web Engines Hackfest, un evento para o que é necesario convite e que reunirá, entre os días 2 e 4, a enxeñeiros informáticos das empresas máis importantes do panorama mundial. Neses tres días profesionais de Apple, ARM, Centricular, Collabora, Continental, CoSMo Software, Endless, Google, Intel, LG, Mozilla, Red Hat, Samsung, SoftAtHome e Sony debatirán e afondarán sobre cuestións relacionadas coa tecnoloxía, os problemas aos que esta está a enfrontarse e novidades e ideas coa vista posta no futuro.

Este Hackfest, que alcanza este ano a súa novena edición, está organizado por Igalia, que tamén participa nos debates. Igalia é unha empresa de consultaría e desenvolvemento de software libre con sede na Coruña, que baixo o lema de facer do mundo, con esta ferramenta, un lugar mellor, leva xa quince anos de andaina. Actualmente ten sesenta traballadores, moitos deles socios, e crece de maneira sostida con clientes nos Estados Unidos, Europa e Asia.

O que distingue o seu Hackfest doutras citas similares é a súa vontade de cooperación entre navegadores, que se traduce nunha organización dos participantes en grupos nos que se formulan temas de debate. Algúns dos temas que estarán sobre a mesa este ano serán WebKitGTK+ e WPE, Chromium (Servification e Mus/Ozone/Wayland), JavaScript (V8, JSC e SpiderMonkey) ou Web Predictabiliy e Web Compability e Multimedia.

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar