O centro Ágora acolle o próximo 30 de setembro a Graphic Jam, un evento organizado por Miñoco. O colectivo de ilustradores coruñés leva xa algún tempo traballando na organización desta xornada, aberta e de balde, na que se desenvolverán varias actividades e que será principalmente un punto de encontro, de networking, para os creadores gráficos da cidade, así como unha ponte entre o ámbito da ilustración e outras disciplinas. Por iso, o programa de actividades inclúe unha mesa redonda (17:30-19:30, aberta ao público) para falar de novos medios e creatividade gráfica. O ilustrador Alberto Guitián, con experiencia nos eidos do humor gráfico, a animación e a ilustración editorial, será o moderador, e nela participarán Adriana Villamisar, por parte do sector publicitario, Álvaro Valiño, do editorial, Víctor Fernández, do ámbito dos videoxogos, e Virginia Curiá, da animación.
Ademais a xornada prevé a entrega de premios dos certames Graphic Jam, nos que hai dúas categorías: unha de comic e ilustración e outra de obra audiovisual, para adultos e xuvenís. O obxectivo deste certame é vencellar ás novas xeracións do sector da creación visual, multimedia e gráfico, dos que, por certo, haberá tamén unha mostra colectiva.
O programa de actividades ofrece tamén obradoiros infantís e charlas, así como zona de clubes sectoriais e un speed dating para novos creadores. Nesta Graphic Jam colaboran AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e o Concello da Coruña, a través do programa Cultura de Barrio. Toda a información relativa ao evento está no seu Facebook, onde se pode acceder aos detalles de actividades e horarios.