Comezará o 3 de marzo (de 11:00 a 20:00 no centro Ágora) e prolongarase alomenos até o mes de xuño, nos primeiros sábados de cada mes. Coruña Hacks, impulsado por GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña, será un laboratorio permanente de hackatóns nos que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas. Nel teñen cabida todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos.

Neste momento, os organizadores de Coruña Hacks  recollen ideas e propostas na súa web, tanto de particulares como de colectivos, cun interese especial en suxestións que teñan que ver con necesidades da cidade, das súas asociacións e entidades, para traballar en resolvelas dende a perspectiva do código aberto (é dicir, que o que se desenvolva para unha entidade deberá poder empregarse despois por calquera outra con necesidades similares), para, a partir de marzo, comezar a traballar.

Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentábeis e con capacidade transformadora. Coruña Hacks responde a estas liñas, ao igual que outros proxectos apoiados no seu momento por Coruña Dixital, como o primeiro Hackatiño de Datos Abertos e a súa segunda edición, que desenvolveu catro proxectos de aplicacións para mellorar a mobilidade na cidade.

Tedes cumprida información de Coruña Hacks na web da iniciativa , na que atoparedes tamén a posibilidade de inscribirvos e recibir información dos próximos eventos a través seu meetup, así como dun slack se desexades unirvos á comunidade. Ademais a axenda de Coruña Dixital manteravos informados de todas as citas.

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar