Será o vindeiro sábado 10 de novembro cando a OSHWDem -Open Source Hardware Demonstration- de Bricolabs abra por sétima vez consecutiva as súas portas na Domus. A entrada a esta xornada, pensada para todos os públicos, é libre e gratuíta.
Nesta nova edición da feira das tecnoloxías abertas, haberá robótica, arte, electrónica, tecnoloxías emerxentes… da man de makers, que ensinan a súa creación tecnolóxica, e invitados con exposicións ou charlas de especial interese. Tamén obradoiros de diferentes niveis e temáticas e de balde, aínda que precisan inscrición previa. O único realmente común a todo o que ofrece esta feira de tecnoloxía, que xa é un clásico no outono coruñés, é o feito de que todo son proxectos libres. Isto quere dicir que calquera persoa pode estudialos, empregalos e, quen sabe!, tamén melloralos.
A feira ten carácter divulgativo, pero tamén lúdico. Boa mostra diso son as competicións de robótica, nas que o público poderá ver combates de robots autónomos ou como os robots son capaces de descubrir en tempo récord a saída de complicados labirintos.
OSHWDem está organizada por Bricolabs, unha asociación que traballa de maneira horizontal e colaborativa no deseño, construción e testeo de proxectos, prototipos e aparatos e na que non importa tanto o que cada persoa sabe, senón a súa motivación. Podes coñecelos máis accedendo á súa web desde aquí.
A OSHWDem, que conta co apoio do Concello da Coruña a través de Museos Científicos, ten unha web propia con toda a información, da que vos deixamos o enlace para as consultas que precisedes facer.