O terceira liña de experimentación desta edición do #LAIC xa está en marcha. Trátase do grupo de realidade aumentada, que botou a andar, igual que fixeron os de vídeo mapping e narrativas populares contemporáneas, cunha sesión panorámica para que as persoas interesadas puideran achegarse dun modo ameno á proposta.

Nesta ocasión visitou o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación Verónica Rodríguez, quen nos explicou cales son as diferencias entre realidade aumentada, virtual e mixta e cales as posibilidades de cada unha delas, así como o panorama empresarial do sector, a nivel mundial e estatal.

 

 

Na xornada puidemos coñecer tamén a Aida Vidal, enxeñeira informática coruñesa, vinculada á asociación Molab, que é quen coordina as sesións-obradoiro do grupo, nas que as persoas inscritas experimentan con algunhas posibilidades da realidade aumentada. Houbo tempo tamén para unhas sinxelas dinámicas de grupo dirixidas por Verónica Rodríguez, encamiñadas ao deseño dun proxecto relacionado co medio ambiente.

E non foi nada malo o resultado desta primeira experiencia de traballo en equipo! Por un lado, un grupo desenvolveu unha proposta baseada nunha experiencia sensorial en torno aos incendios; outro, unha proposta para mellorar a reciclaxe de residuos para, a través do móbil, indicar onde depositalos, onde está o punto limpo máis próximo ou canto tardará en degradarse, de non depositalo no lugar correcto, o noso lixo. O terceiro equipo desenvolveu un videoxogo multixogadores en torno á limpeza do mar, no que intervirían factores reais como a climatoloxía, as mareas ou as correntes.

 

 

Como vedes, boas ideas non faltan! Agora, nas sesións-obradoiro de AR,  hai que aprender a desenvolvelas 😉

Entradas recentes