Obradoiros, competicións robóticas e unha zona para makers son os alicerces sobre os que sustenta a Open Source Hardware Demonstration, OSHWDem Coruña, que este ano chega á súa sexta edición no espazo do museo Domus. Será o 11 de novembro, nunha xornada gratuíta e para todos os públicos organizada, como vén sendo habitual, pola asociación BricoLabs.

Para os que non coñecen evento ou organizadores, cómpre explicar que Bricolabs é unha asociación coruñesa  de persoas ás que lles gusta construír e compartir proxectos de electrónica e robótica; OSHWDem Coruña é un evento de tecnoloxía aberta na que os principais protagonistas son os makers que amosan ao público as súas creacións xunto cos obradoiros e competicións robóticas.

As persoas que acudan a esta xornada poderán non só divertirse, senón coñecer proxectos tecnolóxicos cunha cousa en común: ser proxectos libres, o que significa que as súas especificacións, esquemas e códigos foron publicados e por tanto poden ser estudiados e mesmo replicados e mellorados chegado o caso.

 

Inscricións abertas e novidades

Quedan aínda varias semanas para a cita, pero xa sabemos algunhas cousas. Por exemplo, nestes momentos está aberto o prazo para inscrición de makers, ao tempo que xa coñecemos a algúns dos participantes. Ademais de BricoLabs estarán este ano na OSHWDem Coruña  A Industriosa, Pontemaker ou Emapic entre outros, con quenes se elaborará un mapa de visitas no que se reflectirá o grao de satisfacción dos visitantes.

No eido das competicións hai novidades con respecto a anos anteriores, aínda que se manteñen as propostas que xa son unha seña de identidade do evento, como as competicións de sumo e combate robótico. Haberá tamén, por terceiro ano, competicións no labirinto, e sigue-liñas e velocistas. E para os que carecen de alta tecnoloxía, o hebocon, onde o máis importante é divertirse.

En canto aos  obradoiros hai que lembrar que son gratuítos, pero con inscrición previa por cuestións de organización, e aínda que non está pechada a lista de participantes, xa sabemos, por exemplo, que estarán as propostas para todas as idades de CodeMonsters.

Pero non son estas as únicas novidades. A máis entrañable é, sen dúbida, a nova versión de Oshwi, a mascota do evento deseñada en 2012 pola ilustradora Natalia Gómez, que nesta ocasión veremos como badge.

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar