O 6 de abril do 2003 falecía a estadounidense Anita Borg, unha relevante científica informática cuxo gran obxectivo persoal era acadar no 2020 a paridade total entre homes e mulleres no ámbito tecnolóxico. De feito, liderou ata a súa morte varias iniciativas para chegar a esta meta. No 2018, ese 50%  polo que ela tanto traballou semella estar aínda algo lonxe, pero cada vez son máis as mulleres cunha vida laboral vencellada á informática e á tecnoloxía , que ademais reivindican, e atopan, o espazo que lles corresponde.

Na honra da eminente científica, pero tamén na das súas herdeiras de vocación e profesión, a facultade de Informática da Coruña celebra un ano máis a Xornada Anita Borg, que terá lugar o vindeiro luns 12 de marzo (16:45-20:00). Nela cinco mulleres falarán das súas experiencias como informáticas. O primeiro relatorio será o de Sabela Ramos e leva por título Unha youtuber da FIC, e nela poderemos coñecer de primeira man as oportunidades que Google ofrece ao alumnado da facultade e como é o día a día en Google Zürich.

Pola súa parte, Bárbara Román, que participou tamén o pasado outono nas actividades do LAIC de Coruña Dixital cunha charla sobre os aspectos legais de YouTube, explicaranos como ser Unha tía moi legal, cunha serie de consellos e coñecementos  para acadar as metas que unha se propón cando accede por primeira vez ao mercado laboral. Noelia Luances abordará na súa charla, Enxeñeiras Software: last report, a situación real das mulleres informáticas, que é o que queda por facer e que pode aportar cada unha.

E xa para pechar a xornada, Aida Vidal e Cristina G. Aradas, que tamén participaron no LAIC a través dun obradoiro de desenvolvemento de videoxogos,  achegarannos a MoLab, unha asociación de estudantes xurdida da paixón polos videoxogos con sede na propia facultade.

A asistencia á xornada é gratuíta, pero é preciso inscribirse. Podédelo facer aquí.

 

 

 

Entradas recentes

Empece a escribir e pulse Enter para buscar