Sala maker@domus

O espazo municipal para experimentar a cultura maker

A Domus, integrada na rede de Museos Científicos Coruñeses (=mc2), conta cun espazo pensado para experimentar a cultura maker, facer tecnoloxía por un mesmo e comezar a pensar coas mans.

O chamado movemento maker está protagonizado por persoas inquietas, apaixonadas pola tecnoloxía, educadores, artesáns, enxeñeiros, estudantes, defensores da filosofía do código aberto, e de todos aqueles cuxo pensamento vira ao redor de como inventar ou crear cousas novas. Tecnoloxías como a das impresoras 3D, cortadoras láser ou as placas Arduino posibilitan a materialización deste tipo de actividades.

A sala conta con varias contornas: unha para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades formativas, unha terceira para tarefas propias de maker e dous espazos tipo fab-lab, para traballos tipo taller. Unha das características a destacar é que a sala é totalmente configurable, podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a eventos máis multitudinarios.

Como podes participar?

A sala conta cunha programación de talleres dirixidos a grupos escolares de entre 6 e 14 anos de idade, previa reserva, que se pode realizar dende este enlace.

Tamén hai unha zona para profesores que queiran formarse e poidan experimentar cos medios existentes. Se é o teu caso, podes dirixir as túas consultas a este correo electrónico: domus@casaciencias.org

O espazo tamén funciona como punto de encontro semanal de Bricolabs, o colectivo maker coruñés. Cada mes celebran unha xornada de portas abertas onde explican como funcionan e realizan unha visita polas instalacións. Tes máis información na súa ficha dentro da nosa web, onde tamén atoparás o seu contacto para solicitar participar na vindeira cita.

Proxectos relacionados

Empece a escribir e pulse Enter para buscar