Preestrea da webserie ‘Peter Brandon’
A webserie Peter Brandon, dirixida polo coruñés Jorge Boquete e protagonizada polo cómico Pedro Brandariz, preséntase por primeira vez na Coruña nunha preestrea especial que se celebrará no Teatro Rosalía o 6 de xuño ás 20:30h, con entrada libre ata completar aforo.
A través do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), Coruña Dixital colabora co festival de contidos dixitais Carballo Interplay para facer a presentación na Coruña desta serie, a gañadora do premio ao mellor proxecto de webserie en galego deste festival, onde se estreou mundialmente o pasado mes de maio.
Nesta presentación na cidade proxectaranse os 3 primeiros episodios da webserie, que prevé estrearse na rede este outono, e participará o seu equipo artístico e técnico, nunha velada que promete sorpresas e humor. Peter Brandon é a terceira serie da firma Porco Bravú. Unha comedia galega con tintes dramáticos que, cun estilo documental, satiriza o sector audiovisual a través duns personaxes inadaptados que queren atopar o seu lugar no mundo.
SINOPSE
Pedro Brandariz é un cómico galego que, a punto de cumprir 40 anos, está confundido coa súa vida. Perdeu a ilusión polo seu traballo e séntese estancado profesionalmente. Quere dar o paso definitivo cara o seu éxito, facerse co público máis novo e ser recordado polo seu novo estilo de comedia. Para conseguilo adopta unha nova identidade, agora Pedro Brandariz é Peter Brandon.
Comezamos a gravar un documental sobre a súa vida onde seguimos de preto o seu cambio, amosando a vida dun cómico fóra dos escenarios. Nesta viaxe que emprende con nós vemos como loita polo seu soño de presentar un late night en Galicia. Mentres, a súa vida esboróase e somos testemuñas das súas derrotas, que fan deste documental a derradeira oportunidade que ten para evitar botar a perder toda a súa carreira.
FICHA TÉCNICA
- Título: Peter Brandon
- Duración: 1 temporada de 7 capítulos
- Produtora: Porco Bravú en coprodución con Dinamo
- Xénero: Comedia
- Dirección; Jorge Boquete
- Guión: Óscar Cruz
- Dirección de produción: Javi Lopa
- Axudantes de produción: Eli Monteagudo e Andrés Rozados
- Director de fotografía: Dani Graña
- Xefe de son: Diego Bouzón
TRÁILER
Detalles
Data
O día 06/07/2017 20:30h
Contacto
Lugar
Teatro Rosalía de Castro
Rego de Auga, 37
15001 A Coruña A Coruña