Ateneo Atlántico de Prototipado
Laboratorio aberto de tecnoloxías libres, no que persoas creadoras, investigadoras e artivistas xúntanse nun clima de cooperación e intercambio aberto para compartir coñecementos (educación expandida) e desenvolver proxectos transdisciplinares (prototipado e produción) utilizando tecnoloxías e licencias libres.
Partindo dos grupos tecnolóxicos locais e das institucións tecnolóxicas e educativas da cidade, os ateneos nacen como pontes entre estas e a realidade cotiá dos colectivos e entidades sociais, medioambientais ou culturais do territorio. Búscase polo tanto xerar conexións signicativas, reforzando así o tecido socio-comunitario e o ecosistema da cidade, desenvolvendo prototipos funcionais nun proceso aberto de educación e produción expandida.
Esta acción piloto de formato intensivo estenderase durante dúas semanas no barrio de Montealto, ao ser o contexto máis próximo á Domus, sede do espazo maker na cidade.
A proposta está comisariada pola galega Beka Iglesias, que xa realizou unha experiencia previa e pioneira na cidade con aRtropocode (Normal, 2014). Artivista dixital e coordinadora de laboratorios de arte, ciencia e tecnoloxías libres, Beka ten colaborado con diferentes centros artísticos de produción, universidades e festivais como Medialab-Prado en Madrid, Hangar en Barcelona, Laboral en Gijón, a UAB en Barcelona, a World Haptics Conference en South Korea, Les Ancients Abbattoirs en Casablanca, Tabakalera en San Sebastian, CAA en Guimarães durante a Capitalidade Europea da Cultura, District Berlin, FabLabEDP en Lisboa ou a Fabacademy MITnetwork (Massachusetts Institute of Technology), entre outros.
.
A quen vai dirixida esta actividade?
- Grupos tecnolóxicos locais, programador*s ou makers, entre outros.
- Institucións tecnolóxicas e educativas.
- Colectivos e entidades sociais, medioambientais ou culturais do territorio.
.
O programa da actividade
O Ateneo constará de dúas fases: na primeira desenvolveranse unha serie de talleres, palestras e “choiva de ideas”colaborativas desde o día 7 ata o día 16 en diversos espazos do barrio de Montealto: escolas, asociacións, etc.
A segunda fase é un evento aberto e público do xoves 17 ao domingo 20 de novembro (de 11:00 a 19:00). Xuntarémonos na Sala Maker@Domus para desenvolver en diversas mesas de traballo diferentes prototipos que xiren en torno á ciencia, á tecnoloxía, á creatividade e orientada a satisfacer desexos e necesidades sociocomunitarias do barrio.
.
Como podes participar?
- Enviando unha proposta de proxecto á CONVOCATORIA ABERTA: Podedes enviar unha breve descrición da vosa proposta e necesidades de material, xunto a algunha imaxe ou ligazón de referencias da vosa idea, ao mail ateneo@corunadixital.gal. Indicade tamén se a proposta é colectiva ou individual e que tipo de colaboracións vos gustaría ter. Tamén podedes entrar en contacto para saber máis de que vai o Ateneo, propoñer algunha actividade para a primeira fase distribuída, comentar algunha idea que teñades pero que aínda non se convertera nunha proposta. Facede voso o Ateneo!
- Todas as persoas que o desexen, aínda que non participen nas mesas de traballo, poderán achegarse ao evento aberto e público na Sala Maker@Domus do xoves 17 ao domingo 20 de novembro (11:00 a 19:00) e coñecer os procesos de prototipado. Para poder asegurar a mellor atención nas visitas, recomendamos que nos escribades a ateneo@corunadixital.gal para concertar previamente unha cita.
Detalles
Data
Dende o 07/11/2016 ata o 20/11/2016 Evento xoves 17nov a domingo 20nov _ 11:00 a 19:00
Contacto
http://ateneo.corunadixital.gal ateneo@corunadixital.gal
Categorías
Lugar
Sala Maker@Domus
Rúa Ángel Rebollo, 91
15002 A Coruña