Hackathiño de Datos Abertos

O hackatiño é un hackathon pero máis noso 😉

Organizado da man dos colectivos de programadores GPUL, Árticos e o GDG Coruña, buscamos abrir os datos das comunidades locais, asociacións, colectivos, pemes, etc. para mostrar as aplicacións de interese social que se poden desenvolver a partir da información aberta.

Un hackathon ou hackatón, é un termo usado para referirse a un encontro de programadores cuxo obxectivo é o desenvolvemento colaborativo de software, aínda que en ocasións pode haber tamén un compoñente de hardware. O termo integra os conceptos de maratón e hacker, aludindo a unha experiencia colectiva que persegue a meta común de desenvolver aplicacións de forma colaborativa nun lapso curto.

 

A quen vai dirixida esta actividade?

1) Programadores, deseñadores de aplicacións e apaixoados do código

A idea é pasar dous días en equipo creando un prototipo de proxecto tecnolóxico que aproveite datos de fontes abertas, todo nun ambiente colaborativo no que aprender e pasar un bo rato.

  • Nun inicio expoñeranse as distintas fontes e ideas sobre as que se pode traballar libremente.
  • Cada un escollerá o proxecto no que participar e faremos equipos.
  • Pasarás a fin de semana currando, aprendendo e coñecendo xente!
  • Ao final presentaredes o voso proxecto, os mellores teñen premio 😉

.

2) Son unha peme, colectivo, asociación ou entidade con fins sociais e quero liberar os meus datos

É que é isto de datos abertos? Unha introdución rápida para saber se me interesa

Como di a Wikipedia, “o concepto datos abertos (open data, en inglés) é unha filosofía e práctica que persegue que determinados tipos de datos estean dispoñibles de forma libre para todo o mundo, sen restricións de dereitos de autor, de patentes ou doutros mecanismos de control.”

Os datos abertos son conxuntos de datos que poden ser útiles para a sociedade, e que favorecen o ben común sendo explotados de forma útil para a mesma. Xeralmente, cando falamos de datos abertos adoitamos pensar en datos xeográficos, meteorolóxicos, etc. pero calquera conxunto de datos que poderían ser públicos é susceptible de ser útil para a sociedade, por exemplo os datos en tempo real sobre transporte público, a información contida en informes e estudos, a lista de animais adoptables dunha protectora de animais ou as estatísticas de contaminación segundo as diversas zonas da cidade.

Por que debería abrir os meus datos? Calquera entidade con responsabilidade social ou que directamente busque ou proporcione un ben social podería apoiarse nas posibilidades de facer os seus datos públicos. Aos programadores e seguidores da filosofía de software libre, dispor de datos para poder usar libremente permítelles desenvolver ferramentas que utilicen eses datos e resulten proveitosas para moita xente. Para a entidade que libera os datos, o beneficio é a posibilidade de dispor de ferramentas desenvolvidas desinteresadamente por outras persoas.

Que teño que facer para abrir os meus datos? O primeiro paso para abrir datos, sen ningunha dúbida, é decidir que datos vanse liberar ao público. Hai algúns datos que son susceptibles de ser públicos e outros que por cuestións legais ou organizacionais non deben ser expostos públicamente. Unha vez decididos os datos que queremos publicar, outro aspecto importante é decidir a licenza coa que os publicaremos. Existen varios tipos de licenzas aplicables a datos abertos. As máis específicas pódense atopar en opendatacommons.org/licenses, aínda que licenzas máis usadas habitualmente como as licenzas Creative Commons, tamén son compatibles. Tras estas decisións previas,  o proceso técnico para facer os datos dispoñibles depende do sistema de xestión de datos que se utilice en cada caso.

¿Podo ver algún exemplo? Para ver o potencial dos datos abertos aquí temos unha pequena lista de proxectos que xeran ou utilizan este tipo de datos:

 

Non dubides en escribirnos a ola@corunadixital.gal para aclarar calquera dúbida ou contarnos en que estás a pensar, aínda que sexa unha idea moi inicial. Tamén podedes ver aplicacións feitas grazas a fontes abertas ou propoñer ideas directamente no FORO do Hackathiño, pero adiantámosvos aquí distintas maneiras de participar aínda que non sexades programadores/as:

  • Dende xa podedes ver ou propor ideas directamente no FORO do Hackathiño.
  • Igual podedes presentar unha idea de proxecto e convencer aos desenvolvedores para traballar en ela durante o evento e así liberar e comezar a aproveitar os teus datos.
  • Se tedes interese en liberar os datos pero non os coñecementos técnicos, no Hackatiño é posible que atopedes quen poida botar unha man.
  • Podedes pasarvos en calquera momento polo evento, seguro que podedes ver exemplos prácticos e aprender moitas cousas.
  • Tamén, con acceso libre e sen necesidade de inscribirse, teremos dúas charlas introdutorias sobre os datos abertos o sábado 22 pola mañá, por se queredes iniciarvos:
    • 10:00 Benvida e presentación Pablo Castro, GPUL
    • 10:30 Charla de Juan Romero Raposo (Openkratio, colectivo especializado en Datos Abertos): "Lo que la ciudadanía puede hacer con/para los Datos Abiertos"
    • 11:00 Charla de Lluís Esquerda (CityBikes): "La experiencia de CityBikes y otros proyectos de Datos Abiertos"
    • 12:00 Fin das charlas

 

Inscríbete! (prazas limitadas)

Detalles

Data

Dende o 22/10/2016 ata o 23/10/2016 SA 10:00 a 21:00 / DO 10:00 a 19:00

Contacto

http://hackathino.gpul.org/ info@gpul.org

Lugar

Normal

Paseo Ronda, 47
15011 A Coruña

881 01 45 02 http://istoenormal.org/gl/ info@istoenormal.org